Natural da Terra de Soneira (Bamiro-Vimianzo, 30.9.1950), unha das catro comarcas da Costa da Morte. A súa obra está relacionada coa investigación e co ensaio nos eidos da historia da arte, a historia xeral, a etnografía, a lexicografía, a lingüística e a onomástica. Labor docente Catedrático de Xeografía e Historia de ensino secundario desde 1992. Exerceu a docencia nos institutos Fernando Blanco de Lema, de Cee (1976-1978); Marqués de Suanzes, de Ferrol (1979-1982), e Antón Losada Diéguez, d'A Estrada (1982 á actualidade). Foi tamén profesor asociado do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago (curso 1991-1992). Doutor en Historia da Arte con Premio Extraordinario de Doutoramento do curso 1990-1991 da Universidade de Santiago, coa tese A Arte Relixiosa no arciprestado de Soneira (xaneiro 1991), que foi a primeira redactada e defendida en lingua galega na especialidade da Historia da Arte. Foi tamén profesor-colaborador do ILGa e da Dirección Xeral de Política Lingüística nos primeiros cursos de lingua galega para a reciclaxe de profesores de EXB de 1977 a 1985, e tamén colaborou co Seminario de Didáctica da Historia do ICE da Universidade de Santiago no 2º ciclo do CAP. Conferencias, relatorios, etc. Impartiu cursos de lingua, historia e historia da arte galega na Cátedra 'Alfonso R. Castelao' da Universidade de Buenos Aires, República Arxentina (meses de setembro dos anos 1996, 1997 e 1998). Participou como relator en congresos de historia, lingüística e onomástica convocados polo Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega, ou celebrados nas universidades de Tréveris (Alemaña)- XVIIIth International Congress of Onomastic Sciences, convocado polo ICOS-, Nova York, Oxford, La Habana, Barcelona, etc. Coordinou o I e II Simposio de Historia da Costa da Morte (1999 e 2000) e foi vocal do Comité Científico do V Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas. Fin de Milenio. Fisterra (Cee, 1999). Tamén coordinou a catalogación do "Patrimonio Etnográfico Inmobiliario da Costa da Morte" (fases I, II, III: 1993-1996), e na actualidade colabora no Proxecto de "Conservación e Revalorización Sociocultural do Patrimonio Megalítico da Costa da Morte" (dirixido por A.A. Rodríguez Casal, da Universidade de Santiago). Premios Ademais do Premio Extraordinario de Doutoramento (1990-1991) da Universidade de Santiago, como investigador recibiu os premios 'Pedrón de Ouro de Etnografía' (1976), e 'Antón Losada Diéguez' de Investigación (1994). Reimóndez Portela de Xornalismo (2010) Entidades ás que pertence Membro correspondente da Real Academia Galega (2002) e numerario (patrón) do Museo do Pobo Galego (2005). Tamén pertence á Asociación Galega de Onomástica (AGOn), á Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), á Asociación de Tradutores Galegos (ATG), á Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), a Nova Escola Galega (NEG) e á sección de Etnografía e Folclore do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos (1982). Na actualidade (2005) foi elixido primeiro presidente do recén constituído Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte (SECCOM). |
Publicado a 28/09/2010 11:54 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes
A
un ano de se cumpriren os 50 anos da publicación dunha das mellores
e máis coñecidas novelas da Historia da Literatura galega, as
Memorias
dun neno labrego
(Buenos Aires, 1961), de Xosé Neira Vilas, as disposicións
agresivas e regresivas do goberno da Xunta de Galicia para co idioma
galego fannos volver ós bretemosos anos corenta do primeiro
franquismo, nos que se desenvolve a trama da obra.
“Eu son Balbino.
Un rapaz da aldeia….”
“…Coma quen dis, un
ninguén. E ademais, probe”. Desta forma tan rotunda empezaban as
memorias do neno neiravilán, que logo, a forza de cavilar, non
aceptaría ser un resignado conformista. Moitos dos nacidos na zona
rural, e no franquismo, sentímonos identificados co Balbino e con
moitas das súas angueiras, e poñiámonos da súa parte nas liortas
que tiña co seu antagonista, Manolito, tamén do rural pero da clase
fina. En troques, seu pai volvía polo neno do señor en vez
de facelo polo propio.
Non era entendible este
desleixamento paterno. Ou quizais si, pois o proxenitor do neno
labrego non era nin é o único galego abaixadizo ante os poderosos:
un de tantos que lle dá a razón a quen o despreza. Un caso claro de
autoodio que aínda persiste hoxe cando xa o considerabamos
desterrado. Para demostrar o enganados que estabamos aí está o
“noso” Presidente de Galicia, que un día si e outro tamén
intenta convencernos de que o verdadeiro problema dos galegos é que
non sabemos inglés. Como solución a este trauma seica é
imprescindible exterminar o galego a curto prazo, e para isto vai
ordenar retirar milleiros de libros de matemáticas, física e
química polo “delito” de estaren escritos na lingua dos parias
deste país, o galego: non lle importa que 3,8 millóns de euros,
segundo os editores, vaian ser tirados ó lixo. A crise tampouco lle
impide gastar un millón de euros máis para facer propaganda do
“seu” decreto do plurilingüismo. O “noso” Goberno vai
dilapidar un total de cinco millóns de euros en “joder el
gallego”. ¿Quen falou de crise?
Os Peares: unión
natural fronte á división artificial
Aínda que teño para min
que nunca leu as Memorias, o “noso” Presidente debe pensar
que todos os galegos baixamos as orellas coma o pai de Balbino e
renegamos do noso en favor do alleo. Seica el (o “noso”
Presidente), tamén foi un neno do rural, dos Peares, lugariño dun
cento de casas artificialmente partillado entre catro concellos, tres
partidos xudiciais e dúas provincias: o paradigma da caótica
división administrativa de Galicia. Pero Os Peares tamén son o
símbolo da unión natural, como ben o entendera o teólogo Xosé
Chao Rego cando organizara alí, o 16 de setembro de 1980, a III
Romaxe de Crentes (e non crentes) galegos: a liturxia convidaba á
irmandade dos pobos tomando como símbolo a unión das augas dos ríos
galegos que se produce neste lugar tan sinalado da nosa xeografía,
pois alí o río Miño recibe as do farturento Sil e do pequeno
Búbal.
No canto da unión
natural, o “noso” Presidente tomou da súa aldea como modelo de
goberno a división artificial imposta desde os despachos madrileños,
de aí que fomente a desunión, o enfrontamento, a segregación. Se
alguén lle parece dura esta última palabra, que lembre que o
primeiro intento do seu goberno fora separar nos colexios por aulas
os nenos dun e doutro idioma. ¿Habería tamén autobuses distintos
para uns e outros para evitar “a contaminación”? Nisto recuou,
de momento, quizais porque, coa proximidade do Mundial de Fútbol de
Suráfrica, igual se volvía falar moito daquel apartheid de
mala prensa… Aínda que os nosos nenos seguirán indo xuntos (de
momento) nos mesmos buses ó colexio, non teño claro que os Balbinos
galegofalantes non lles teñan que ceder o asento ós Manolitos
castelanfalantes. ¿Faría o “noso” Presidente outra das súas
promesas electorais?
Os exemplos de Rosa
Parks e de Mandela
Dun xeito ou doutro, o
goberno do Sr. Presidente (deles) anuncia radicais medidas
segregacionistas para o curso escolar que empeza en setembro deste
ano, no que boa parte dos nenos de educación infantil se verán
privados do seu idioma por mor dunhas enquisas enganosas e sen
garantías. Tamén se ameaza con expedientes ós profesores/as das
materias científicas que sigan dando as clases no idioma propio de
Galicia, como se iso fose un delito execrable. A un esta medida tamén
o leva á Suráfrica do século pasado, con aquelas sancións
impostas polo goberno racista de Pretoria ós mestres e alumnos
negros de Soweto por rexeitaren a imposición do afrikaans (un dos
idiomas dos brancos) nas aulas.
Fronte ós novos
aprendices do senador McCarthy terán que aparecer en Galicia moitas
Rosa Parks, aquela costureira de cor (negra) de Alabama (USA) que se
negara a cederlle o asento do bus a un rixoso home branco; coma ela
teremos que negarnos a sufrir a humillación de desaloxar o asento da
lingua galega do bus que nos vai levando desde hai máis de mil anos.
Coma ela, os defensores do galego xa estamos fartos de ceder e ceder,
de sermos estranxeiros na propia casa. ¡Rosas e Balbinos, Balbinos e
Rosas: por nada do mundo deixedes o voso asento! ¡Agarrádevos a el
con forza e que veña a noxenta garda pretoriana do Manolito dos
Peares arrincarvos del para levarvos esposados –expedientados- por
“querer imponer el gallego”! (dade por descontado de que volverán
presentar os oprimidos coma opresores). Lembrade que a Historia non
só a poden mudar os que mandan, senón tamén costureiras humildes
coma Rosa Parks, pois sen a súa valente acción de 1955 quizais non
se produciría o activo movemento polos dereitos civís dos anos
sesenta nos EE.UU., co doutor Luther King á cabeza, nin habería
hoxe un presidente de cor (negra) na Casa Branca. Grazas á firme
resistencia de moitos Balbinos e Rosas, do rural e das cidades,
chegará o día en que Galicia poida presumir dun presidente
integrador como o foi Nelson Mandela na República de Suráfrica, coa
suficiente categoría para gobernar para todos. Nestes momentos nin
sequera temos un De Klerk: retrocedemos ós tempos bretemosos dun
Botha, dun rancio Botha. |
Publicado a 28/09/2010 11:24 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes
No goberno de Núñez
Feijoo día a día a realidade supera a ficción; no que toca á
tarefa da liquidación da lingua galega, claro. Unha brigada de
demolición de todo o que cheire a galego. Neste mesmo Xornal de
Galicia publicaba eu o 18 de novembro de 2009 un artigo titulado
«Entre os dous Cirilos, escolleron o malo», que se pode ler no
libro de recente publicación Feijóo, o galego e nós
(Laiovento). Aínda fresca a estrea do filme Ágora de
Amenábar, comparaba a bárbara destrución da famosa Biblioteca de
Alexandría por fanáticos cristiáns inducidos polo seu intolerante
bispo Cirilo, co labor aniquilador sistemático da lingua e cultura
galegas iniciado polo “noso” Presidente. Eis algúns parágrafos
do artigo: “Cada papiro polo aire eran os folios dos nosos
Cancioneiros medievais ciscados por unha ventá á ventoeira. Cada
pergamiño rachado eran as páxinas arrincadas das Cantigas de Santa
María. Cada cacharela no patio eran as obras de Rosalía, Curros,
Pondal, Castelao, Cunqueiro, Ferrín ou Rivas reducidas a borralla.
(…) Deste noso goberno só coñecemos amputacións no corpus da
nosa lingua: [aquí varios exemplos]. (…) En fin, agora estamos na
tensa espera da pira (¿funeraria?) final: o anunciado novo decreto
relegador do galego no ensino e a derrogación da Lei de
Normalización Lingüística. ¿Atreverase a facer o sumo sacerdote
un acto «depurador» solemne na praza do Obradoiro ó estilo dos
antigos autos de fe de Filipe II? A Santa FAES reloucaría
contemplando as labaradas…”
Pois ben: nin que o
“noso” Goberno tomase a deprimente escena do filme como exemplo a
seguir, pois todo isto foise cumprindo paso a paso. Ítem máis: el
mesmo procurou rapidamente esa materia combustible para esa pira no
Obradoiro cos milleiros de libros escolares de matemáticas, física,
química e tecnoloxía publicados en galego; un dispendio de 3,8
millóns de euros que o “noso” Goberno vai tirar ó lixo sen o
máis mínimo remorso de conciencia (a crise para “joder el
gallego” non conta). Como o “noso” Goberno xa decidiu a
extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das
cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral
compostelá o maior número de libros escolares de materias
científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha
gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á
máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos
publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico
nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador
erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de
Rosalía e Castelao. Coas cámaras da TVG presentes –of course-
convidemos logo ó Sr. Presidente da Xunta a que exerza de sumo
sacerdote e teña a honra de prenderlle lume á pira coa solemnidade
áulica dos sacrificios da Antigüidade ou dos autos da Inquisición
do séc. XVI. Os fachucos incendiarios xa hai tempo que llos teñen
acesos o conselleiro de Educación e o secretario de Política
Lingüística. Que o noso haraquiri cultural sexa completo, dirixido
polo noso máximo mandatario, que xa terá un lugar na Historia deste
país por tal acto. A ver se con este acto purificador a insaciable
Santa FAES se dá por satisfeita e nos deixa en paz. ¿Ou teremos
que inmolarnos tamén na pira os galegofalantes?
Publicado en Xornal
de Galicia, 23-06-2010, p. 7.
|
Publicado a 28/09/2010 11:22 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes
«Resulta
evidente que a lingua é unha realidade social que se prolonga no
tempo, máis alá da vida dun home ou dunha xeración. E tamén é
obvio que, normalmente, as persoas lles transmiten a lingua ós seus
descendentes de forma inconsciente. Deste xeito, desde hai
máis de mil anos o galego vén sendo obxecto de
transmisión e entrega por parte das sucesivas xeracións de cidadáns
deste país.
Isto
non é un impedimento para afirmar que, ó longo da historia, moitas
persoas tiveron a intención deliberada de conservar e de lles
ensinar o galego ós seus fillos calquera que
fosen as circunstancias económicas, políticas e sociais que lles
cadrou vivir.
Este
é o motivo polo que cremos que esta é unha boa ocasión para que,
como manifestación de respecto á nosa lingua e ós seus falantes
–especialmente ós que contribuíron a que perdurase o galego a
través dos tempos-, fagamos da tradición de lles ensinar
o noso idioma ós fillos un acto de vontade deliberado e consciente.
E, nesa idea, qué pode haber mellor que formalizar ese acto na
declaración individual máis solemne que prevé o dereito: unha
manda ou disposición testamentaria.
Perséguense
con isto dúas finalidades: a primeira, subliñar simbolicamente a
nosa vontade xeracional de que o galego continúe a ser a
lingua dos nosos fillos e do futuro do noso país, porque
nun contexto histórico no que –diante da acelerada evolución das
ciencias e da tecnoloxía- tantas cousas se volven incertas, é bo
volver a mirada ó principal instrumento de comunicación
entre os homes destes país, á primeira
ferramenta de expresión das nosas ideas e da nosa cultura;
en segundo lugar, recuperar para o galego determinados
ámbitos da nosa vida, en conexión co pasado. Hai actos
xurídicos que materializan decisión básicas da vida dos cidadáns,
como son as compravendas, os casamentos, os porfillamentos, os
préstamos, as doazóns etc., ós que debemos trasladar sen
máis demora a utilización do noso idioma. Con máis
razón, o testamento, expresión solemne da derradeira vontade dunha
persoa, é o acto xurídico no que máis aprema o uso do galego. É
necesario que, neste contexto, chamemos á responsabilidade dos
notarios, avogados e demais xuristas desta terra, porque a súa
contribución a esta tarefa é obrigada».
Eu só fun o simple
transcritor deste texto, pois o seu autor foi o mesmísimo Presidente
da Xunta. Non o actual -que ninguén o crería-, senón o anterior do
anterior, o predecesor de Touriño: Manuel Fraga Iribarne. É o
contido da Presentación da campaña ‘Non desherdes a túa
lingua’, promovida no ano 2002 pola Dirección Xeral de
Política Lingüística da Xunta e o Concello de Redondela para
impulsar os testamentos en galego. Publicaríase nun libriño (Un
futuro para a lingua; 2002) no que máis dun cento de persoas
redactaron breves mandas testamentarias en galego. Na páx. 107 está
a do propio Fraga, cun parágrafo que non só nos fai lembrar a
Cunqueiro senón tamén ó mesmísimo Castelao:
«Ítem
máis, que a fala que herdei dos meus
devanceiros da Regueira, en Regoaveso, siga a medrar nos
labios do meu pobo polos séculos dos séculos; cantareira
e popular, como un día de festa maior, culta e románica, coa
mesma altura e grandeza da Santa Igrexa Catedral do Noso Señor
Santiago, principio e fin de todos os camiños de Europa».
O noso idioma non tivo
avances significativos nos dezaseis anos de goberno fraguista, entre
outros motivos porque nunca se realizou unha política lingüística
digna de tal nome, maiormente apoucada e ‘pasota’, aínda que é
de salientar que fose o goberno Fraga, con Feijoo como
vicepresidente, quen pulase por redactar o Plan Xeral de
Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade,
apoiou o Parlamento de Galicia (Doc. Núm. 17629, BOPG núm. 622 do
07.09.2004]. Pero
o certo é que, polo menos, o de Vilalba non pasará á historia por
unha actitude hostil e destrutora cara á lingua galega na súa etapa
como Presidente da Xunta de Galicia (outra cousa fora a súa etapa
como ministro de Franco) como a iniciada polo goberno do Presidente
actual, a quen xa ninguén imaxina asinando textos coma estes. Antes
tería que mudar o curso do Amazonas (e abofé non me importaría
enganarme).
Publicouse en Xornal de Galicia (edición dixital) o día 5-12-2009.
|
Publicado a 28/09/2010 11:20 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes
Ollando no filme “Ágora”
de Amenábar a bárbara destrución da Biblioteca de Alexandría por
fanáticos cristiáns, inducidos polo seu bispo Cirilo coa anuencia
do emperador romano, non fun o único en trasladar a escena á
Galicia actual, pois hoxe estamos vivindo unha campaña aniquiladora
semellante por parte dos nosos gobernantes contra a lingua (e
cultura) galegas. ¿Como foi posible que cultos bispos coma o propio
Cirilo -que chegou a santo e sería incluso proclamado Padre da
Igrexa a fins do séc. XIX- inducisen á destrución pola destrución
só porque as obras alí custodiadas non eran de cristiáns?
Aquela Alexandría era,
antes de triunfar o fanatismo, un paraíso de tolerancia onde
convivían xudeus, cristiáns, pagáns e mesmo xente descrida, como
parece que era o caso da filósofa Hipatia, a protagonista. Sen
dúbida foron moitos os espectadores que saíron do cine indignados
por tal irreparable perda, aínda que non sei se todos trasladarían
a súa indignación a hoxe, co noso idioma milenario ameazado pola
acción mentireira dos intolerantes coa dirección asistida do propio
goberno galego.
Ollando aquela seita de
fanáticos entrando a saco no templo do saber da Antigüidade
disposta a estragar todo, foi inevitable a comparanza. Columnas e
andeis polo chan, pergamiños e papiros voando… Cada papiro polo
aire eran os folios dos nosos Cancioneiros medievais ciscados por
unha ventá á ventoeira. Cada pergamiño rachado eran páxinas
arrincadas das Cantigas de Santa María. Cada cacharela no patio eran
as obras de Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Cunqueiro, Ferrín ou
Rivas reducidas a borralla… Un coñecido intelectual galego dixo
que calquera acción contra a lingua é como unha bárbara amputación
no corpo humano. E deste noso goberno só coñecemos amputacións no
corpus da nosa lingua: a eliminación da proba de galego nas
oposicións, a retirada de subvencións ós libros e ás traducións,
as enquisas enganosas no ensino, as ‘galiñolas’, o
desenterro da toponimia acastrapada… En fin, agora estamos na tensa
espera da pira (¿funeraria?) final: o anunciado novo decreto
relegador do galego no ensino e a derrogación da Lei de
Normalización Lingüística. ¿Atreverase a facer o sumo sacerdote
un acto “depurador” solemne na praza do Obradoiro ó estilo dos
autos de fe de Filipe II? A Santa FAES reloucaría
contemplando as labaradas, sen dúbida…
O templo do saber de
Alexandría quedara convertido nunha corte de ovellas. Boa metáfora.
Quizais sexa iso o destino pensado para Galicia: sen lingua, sen
identidade, sen Caixas… seremos coma ovellas. A san Cirilo de
Alexandría non o salvou de ser xulgado pola Historia nin a súa
suposta santidade, pois nela figura coma o destrutor de algo que hoxe
sería Patrimonio da Humanidade (e tamén coma un dos primeiros
antisemitas). Tristes méritos. ¡Que diferenza co outro san Cirilo,
o Filósofo (séc. IX), tan ben querido polas nacións eslavas por
ser o salvador e normalizador lingüístico das súas linguas
minorizadas! Podendo escoller entre os dous Cirilos, os nosos
gobernantes inclináronse polo inquisidor. Mágoa. Eu confésome
devoto do outro, o Bo, o que non só lles predicou ós eslavos nas
súas desprezadas linguas ágrafas senón que lles creou un alfabeto,
o ‘cirílico’, para que as puidesen escribir. Crenzas
relixiosas aparte, poderíase pensar en instituír na festividade dos
santos Cirilo e Metodio, o 14 de febreiro, o Día da Normalización
Lingüística das linguas ameazadas coma a nosa; tamén serviría
para recordarlle á Igrexa en Galicia as súas obrigas lingüísticas
cos seus fieis galegos.
Con este título publicouse en Xornal de Galicia (18-11-2009), páxina final, e na revista Irimia nº 801 (do 28 de Nadal ao 10 de xaneiro de 2010), p. 13. Con algunhas modificacións e co título «A destrución pola destrución» publicouse en El Correo Gallego o 26-11-2009, p. 19.
|
Publicado a 28/09/2010 11:18 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes
[
atualizado a 28/09/2010 11:20
]
Era unha
moza da zona rural que foi para a capital e namorou alí dun mozo moi
fino, moi fino, dunha familia moi fina, moi fina; a rapariga ordenou
de casar con el e decidiu non convidar a súa nai á voda, pois «te
era muy de la aldea» e non «daba» moi ben coa súa nova familia.
Éralles tamén outro mozo do rural que tamén marchou para a capital
e que tamén se deu á finura; un día levou os seus amiguetes
capitalinos a súa casa «de la aldea» e presentoulles a nai como a
criada; e o peor non foi iso, senón que a boa da muller representou
moi ben o seu papel subalterno e servil en todo momento para evitar o
sufrimento do seu filliño da alma…
Son dous
casos, verídicos, do que os sociolingüistas chaman autoodio:
infravalorar o propio e sobrevalorar o alleo. Iso é o que está
facendo o ‘noso’ Goberno galego co seu Presidente á cabeza coa
lingua propia de Galicia, avergonzarse dela e humillala tratándoa
como a criada da casa en
vez de lle dar o trato digno que lle corresponde como señora da
mansión onde naceu e viviu as súas mil primeiras primaveras. ¡Quen
nos ía dicir que o fillo mellor tratado, o mellorado, estea
conspirando para mover os papeis para desafiuzala e poñela de portas
para fóra!
Nunca dei
entendido os galegofalantes
que preguntan para qué lles serve a súa lingua. É coma se
preguntasen para qué lles serve súa nai ou seu pai. Razoar coa
utilidade material da lingua propia é coma se un razoase o cariño
ós pais en función de que lle sexan ou non útiles, ricos ou guapos
(se non é así, ¿xa non os queremos?). Queremos a lingua como
queremos os pais ou ós fillos: porque son nosos, e abonda.
Non
obstante, non é certo que o noso idioma non sirva para facer uso del
polo mundo adiante, e senón que lle pregunten ós de Pescanova e
doutras empresas de qué idioma se valen para concertar acordos cos
gobernos de Portugal, Angola, Mozambique ou o Brasil. O galego
serviulles e sérvelles a moitos dos nosos emigrantes en Europa para
aprenderen idiomas coma o francés ou o italiano, por exemplo, con
máis semellanzas fonéticas e léxicas co noso idioma que co
castelán. O bilingüismo case innato dos galegofalantes –os
únicos galegos realmente bilingües-
facilítanos a aprendizaxe dun terceiro e dun cuarto idioma: que o
digan tamén os nosos emigrantes en Europa, que tantas veces serviron
de intérpretes a outros españois monolingües.
O domingo 18
estaremos en Compostela para reivindicar o dereito da lingua galega
a vivir con dignidade na súa propia casa. Os seus bos fillos non
podemos consentir que algúns desleigados a traten coma a criada e
moito menos que a queiran expulsar da morada que vén habitando desde
hai mil anos. Reivindicaremos o dereito a seguirmos sendo
(verdadeiramente) bilingües e potencialmente plurilingües –pois
quen sabe galego sabe máis- fronte ó limitado monolingüismo ó que
nos queren condenar. A manifestación debe ser apartidaria e plural,
aberta a todas as ideoloxías, pois a lingua propia de Galicia é
patrimonio cultural de todos os galegos, tamén dos castelanfalantes
habituais. Por espurios motivos políticos ninguén ten dereito a
privarnos da maior creación colectiva do pobo galego, en palabras de
Castelao.
Publicouse en
La Voz de Galicia
o 14-10-2009 (ed. de Carballo L-15). Co título «O 18 [de outubro]
en Compostela na defensa da lingua nai» publicouse no Xornal
de Galicia o 18-10-2009.
|
|