Memoria

‎‏‎‎‎‎‎‎‏‏‏‏‏‎‎‎‎‎‏‎‎‏‎‎‎‏‏‏‏‏‏‎‏‎‏‎‏‎‎‏‎‎‏‏‎‏‎‎‎‎‎‏‏‏‏‎‏‎‎‏‏‎‏‏‎‎‎‏‏‎‏‏‏‏‎‎‏‎‏‎‏‏‏‎‏‏‎‏‎‏‎‎‏‎‎Disque

Faite seareiro

Somos parte de



Meu brado mainiño

Publicado a 19/03/2010 02:51 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes   [ atualizado a 19/03/2010 03:04 ]
"EU COÑECÍN unha terra/ alá onde un vento fresco/pinta un solpor parduxo/nas cimbras brancas do ceo!" ... "O meu brado mainiño" é a "Ópera Prima" do Gaiteiro - Poeta de Santo André de
Souto, Xosé Couceiro Bugallo.
Pecho os ollos e véxoo nunha tarde de primavera de hai 20 anos, ao meu carón, inventando un exame de latín. Logo, descubriamos outros Mares saboreando un condado no mesón do Paxariño... Prendiamos un cigarro e dunha calada fumabamos o (Uni)Verso enteiro. Era entón, só entón, cando sucedía a milagre, o Couceiro tocaba a gaita. O arriba asinante o tambor. O Son da Terra enchía todos os recunchos da existencia e rubía pola Estrada da Vida arriba. E soñabamos cun futuro azul e branco. E soñabamos con outra vida e con outro mundo. E soñabamos porque as persoas somos soños de palabras. E cantas veces queimamos os nosos poemas, os de tristezas e de penas. E nun repenique ... Nun repenique pasan 20 anos e Xosé Couceiro chama ás portas do "Cartafol de Vilancosta - collectione" e claro, viña cun feixe de poemas debaixo do brazo.
Agarimo os versos entre as manso Abro os ollos. E déixome levar. Mergúllome de vagariño entre as ondas da súa escrita. E subo e baixo entre as súas estrofas. E paseo por paisaxes fantásticas, marabillosas, nosas, moi nosas. E fico absolutamente abraiado, emocionado, marabillado. E é que
Meu Amigo, o Gaiteiro - Poeta, conseguiuno sen facer ruído, cun brado mainiño. Á primeira. O Couceiro foi quen de recoller o testigo, a viva voz dun dos nosos bardos máis celebrados, Xosé
Manuel Cabada Vázquez. E é que estamos diante dun libro con pouso, moito pouso.
É un poemario froito --como diría Unamuno- da cavilación, do sentir, do pensar, do actuar, do Vivir... deste Poeta que un día enSoñou que a Terra andaba a ritmo de pandeirada e non dubidou en
(co)fundar os "Airiños da Baiuca", un dos seus imperecedoiros poemas vitais.
Eu subliñaría a súa grande riqueza léxica, que o convirte ao meu xuízo nun pequeno imprescindible tesouro patrimonial. E como non, a grande riqueza ética. "O meu brado mainiño" é un libro de
loita, de denuncia, de incoformismo... no que existe un espazo para os amores (aínda que sexan prohibidos) e para os desamores.
En definitiva, se me permitides, penso que Xosé Couceiro por este libriño, por outros que han vir, e sobre todo pola súa traxectoria vital de compromiso coa nosa lingua e coa nosa música, entra na República das nosa Letras pola porta grande da Fervenza e eu doulle a benvida aos seus versos que dende hoxe son "cousiñas" de todos Nós.