“Algodón branco no ceo,// Algodón branco na terra;// pola terra e polo ceo,//algodón e tea negra//. Na mañanciña de onte, sábado 23 de maio, o vento fresco da Terra Nosa pintou un solpor parduxo nas cimbras brancas do Ceo, ao anunciar tristeiro, o pasamento de Xosé Couceiro Bugallo, o meu amigo levado, o Gaiteiro – Poeta de Santo André de Souto. Pecho os ollos e véxoo nunha tarde de primavera de hai 25 anos, ao meu carón, inventando un exame de latín ou descubrindo outros Mares saboreando un “condado” no mesón do Paxariño. Prendiamos un cigarro e dunha calada fumabamos o (Uni)Verso enteiro. Era entón, só entón, cando sucedía a milagre, o Son da Terra enchía todos os recunchos da existencia e rubía pola Estrada da Vida arriba. E soñabamos cun futuro azul e branco. E soñabamos con outra vida e con outro mundo. E soñabamos porque as persoas somos soños de palabras. E cantas veces queimamos os nosos poemas, os de tristezas e de penas. E nun repenique… Meu Amigo, o Gaiteiro - Poeta, conseguiuno sen facer ruído, cun brado mainiño. Á primeira. O Couceiro foi quen de recoller a testemuña, a viva voz dun dos nosos bardos máis celebrados, Xosé Manuel Cabada Vázquez. Hoxe, ás 17 h., no Camposanto de Souto, entrementres o Sol da Primavera asoma por entre as nubes do Ceo e a campá da igrexa racha o infindo silenzo será soterrado. E todos, todos xuntos, familiares, veciños e amigos ficaremos alí, de pé, para rendirlle a nosa derradeira agarimosa homenaxe e relembrar os seus versos, “E soa a soidade doce,// entre as luces da miseria,// dunha gaita necrolóxica// na aldea macilenta”. |




