Xosé Luna Sanmartín (A Estrada, 1965). Lic. En Xeografía e Historia. Mestre e Escritor. Director de Edicións Fervenza. Autor de "As cometas da vida" (Ed. Fervenza, 1999), "O ano das mimosas" (Ed. Fervenza, 2000)."A Estrada Románica" (Ed. Fouce, 1999)."Onde o sol facheaba ô amañecer. Vida e obra de Avelina Valladares Núñez" (Ed. Fouce, 2000). Coordinador da publicación, Manuel Daniel Varela Buxán. O patriarca do teatro galego (Ed. Seminario de Estudios de Deza).Adaptación e traducción de Gracias Padre Ramón de Manuel Daniel Varela Buxán (Seminario de Estudios de Deza, 2003). Edición e unidade didáctica de Ollo cos estudantes de Manuel Bergueiro López (Ed. Fervenza - A Pinguela Teatro Escolar, nº 7) Edición de ¿Pista ou Peste? de Varela Buxán (Ed. Fervenza - A Pinguela Teatro Escolar, nº 12). É coautor xunto co artista Manuel Fragoso do cartafol, A Marcial Valladares (Fundación Cultural da Estrada, 2003). Memorias do Cairo . Foi premio "Roberto Blanco Torres", 1999 e "Avelina Valladares", 2003
Publicado a 19/03/2010 02:51 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes
[
atualizado a 19/03/2010 03:04
]
"EU COÑECÍN unha terra/ alá onde un vento fresco/pinta un solpor
parduxo/nas cimbras brancas do ceo!" ... "O meu brado mainiño" é a
"Ópera Prima" do Gaiteiro - Poeta de Santo André de Souto, Xosé
Couceiro Bugallo. Pecho os ollos e véxoo nunha tarde de primavera de
hai 20 anos, ao meu carón, inventando un exame de latín. Logo,
descubriamos outros Mares saboreando un condado no mesón do Paxariño...
Prendiamos un cigarro e dunha calada fumabamos o (Uni)Verso enteiro. Era
entón, só entón, cando sucedía a milagre, o Couceiro tocaba a gaita. O
arriba asinante o tambor. O Son da Terra enchía todos os recunchos da
existencia e rubía pola Estrada da Vida arriba. E soñabamos cun futuro
azul e branco. E soñabamos con outra vida e con outro mundo. E soñabamos
porque as persoas somos soños de palabras. E cantas veces queimamos os
nosos poemas, os de tristezas e de penas. E nun repenique ... Nun
repenique pasan 20 anos e Xosé Couceiro chama ás portas do "Cartafol de
Vilancosta - collectione" e claro, viña cun feixe de poemas debaixo do
brazo. Agarimo os versos entre as manso Abro os ollos. E déixome
levar. Mergúllome de vagariño entre as ondas da súa escrita. E subo e
baixo entre as súas estrofas. E paseo por paisaxes fantásticas,
marabillosas, nosas, moi nosas. E fico absolutamente abraiado,
emocionado, marabillado. E é que Meu Amigo, o Gaiteiro - Poeta,
conseguiuno sen facer ruído, cun brado mainiño. Á primeira. O Couceiro
foi quen de recoller o testigo, a viva voz dun dos nosos bardos máis
celebrados, Xosé Manuel Cabada Vázquez. E é que estamos diante dun
libro con pouso, moito pouso. É un poemario froito --como diría
Unamuno- da cavilación, do sentir, do pensar, do actuar, do Vivir...
deste Poeta que un día enSoñou que a Terra andaba a ritmo de pandeirada e
non dubidou en (co)fundar os "Airiños da Baiuca", un dos seus imperecedoiros poemas vitais. Eu subliñaría a súa grande riqueza
léxica, que o convirte ao meu xuízo nun pequeno imprescindible tesouro
patrimonial. E como non, a grande riqueza ética. "O meu brado mainiño" é
un libro de loita, de denuncia, de incoformismo... no que existe un
espazo para os amores (aínda que sexan prohibidos) e para os desamores.
En definitiva, se me permitides, penso que Xosé Couceiro por este
libriño, por outros que han vir, e sobre todo pola súa traxectoria vital
de compromiso coa nosa lingua e coa nosa música, entra na República das
nosa Letras pola porta grande da Fervenza e eu doulle a benvida aos
seus versos que dende hoxe son "cousiñas" de todos Nós. |
Publicado a 11/10/2009 10:33 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes
“Algodón branco no ceo,// Algodón branco na terra;// pola terra e polo ceo,//algodón e tea negra//. Na mañanciña de onte, sábado 23 de maio, o vento fresco da Terra Nosa pintou un solpor parduxo nas cimbras brancas do Ceo, ao anunciar tristeiro, o pasamento de Xosé Couceiro Bugallo, o meu amigo levado, o Gaiteiro – Poeta de Santo André de Souto. Pecho os ollos e véxoo nunha tarde de primavera de hai 25 anos, ao meu carón, inventando un exame de latín ou descubrindo outros Mares saboreando un “condado” no mesón do Paxariño. Prendiamos un cigarro e dunha calada fumabamos o (Uni)Verso enteiro. Era entón, só entón, cando sucedía a milagre, o Son da Terra enchía todos os recunchos da existencia e rubía pola Estrada da Vida arriba. E soñabamos cun futuro azul e branco. E soñabamos con outra vida e con outro mundo. E soñabamos porque as persoas somos soños de palabras. E cantas veces queimamos os nosos poemas, os de tristezas e de penas. E nun repenique… Meu Amigo, o Gaiteiro - Poeta, conseguiuno sen facer ruído, cun brado mainiño. Á primeira. O Couceiro foi quen de recoller a testemuña, a viva voz dun dos nosos bardos máis celebrados, Xosé Manuel Cabada Vázquez. Hoxe, ás 17 h., no Camposanto de Souto, entrementres o Sol da Primavera asoma por entre as nubes do Ceo e a campá da igrexa racha o infindo silenzo será soterrado. E todos, todos xuntos, familiares, veciños e amigos ficaremos alí, de pé, para rendirlle a nosa derradeira agarimosa homenaxe e relembrar os seus versos, “E soa a soidade doce,// entre as luces da miseria,// dunha gaita necrolóxica// na aldea macilenta”.
|
|