Benedetti, Bugallo… Haberá quen diga que a comparanza é esaxerada mais as emocións non se calculan polo sistema métrico senón que cada quen ten a súa propia vara de medir. Recoñezo que o poeta uruguaio amoloume aínda sen coñecelo. O caso de Couceiro, de tan coñecido non é máis que unha coincidencia secundaria que tamén fose poeta, porque para nós, os que compartimos con el as aulas no Instituto e desde aquela moitas cousas máis, difícil é facer esta lembranza pola perda que supuxo para a nosa cultura, por poeta, por gaiteiro, por animador da vida social destas terras estremeiras da Estrada.Sorprendeunos no bacharelato tropezar coa súa formación de seminarista: dábanos mil voltas en latín… sen el, quizais servidor non pasara o COU, mais sendo tan serio … lembro como se puxo xunto co daquela director, Rafa Romero, ao fronte do grupo de gaitas “Airiños da Baiuca”. Nós, o resto dos compañeiros, que instalados en Pink Floid non entendíamos o seu dobre entusiasmo por Bach e o gaiteiro de Soutelo. Non imos esquecer nunca a Couceiro, e quizais por coñecelo non poderemos valorar a súa obra, mais o que si debemos é dala a ler. Co tempo que cada quen xulgue a este escritor da nosa bisbarra, non agora que o de menos para nós é que fora escritor, senón cando alguén se lle ocorra facer como nós con Cabada, e trate poñer nome ao que sinte polo entorno no que vivimos e precise de axuda porque a veces non atopa a palabra axeitada, entón, seguramente terá que botar man de “O meu brado mainiño” como nós o estamos a facer con “Vagalumes”. |