Pero ti durme miña rula, durme. Durme, meu corazón. Pecha eses teus olliños, meu ben. Péchaos e durme. Pecha eses acibaches que me esculcan desde o cansanzo da noite que xa chega. Péchaos e durme, que mañá é outro día. Miña rula, meu tesouriño. Anaquiño da miña carne. Durme bonita, durme, que é noite e hai que durmir. Porque na noite andan os trasgos e as ánimas e levan con eles ás meniñas guapas que seguen espertas. Petan con forza, con violencia, con impaciencia. Non piden permiso, esixen paso. Crense donos de todo e de todos, nacidos dunha caste superior con dereitos sobre os demais. Petan coa insolencia de quen non respecta nada nin a ninguén. Petan coa valentía de quen se sinte protexido pola noite, de quen sabe que ninguén ousará asomarse á fiestra e recoñecerlle a cara. Esa mesma cara que, durante o día, nos serve atentamente un remedio para a tose ferina na botica ou acepta gustoso un pouco de picadura que fumar diante dunha chiquita de viño. Esa cara que, de non ampararse na escuridade da noite pecha, deixaría ver o medo de quen se deixa levar, no anonimato do rabaño, a facer aquilo que non faría por si so. Pero ti non fagas caso. Durme, rapaciña loira. Estrela do meu firmamento. Durme e non tremas de medo, que a ti non che han facer ningún mal... de momento. Esquece eses golpes xordos na porta e durme co meu calor, no meu colo agarimoso e cheo de amor. Sinte o calor deste peito forte que comeza a tremer a cada golpe na porta, a cada berro no camiño. Non teñas medo, miña raíña, aínda que eu si o teña. Non escoites meniña, non. Que eses trasgos da noite non veñen para levarte a ti. Esa Santa Compaña non arrastra ás meniñas guapas e boas como a miña rapaciña. Non. Porque ti non fixeches nada. Non, meu ben. E eu tampouco... pero veñen por min. Esa voz que racha a noite é coñecida. Non podía ser outro. A cacería comeza ben tarde, despois dunha boa cea e uns chatos para quentar a cabeza... porque corazón non teñen, ou cando menos non o traen con eles. É unha soa voz a que se oe, pois os outros non ousan abrir boca. Non falan, non pensan, non deciden. Só actúan, só dan renda solta ao odio que outros lles meten nos seus pobres, baleiros, miolos. Se ousaran falar escoitaríanse a si mesmos e decataríanse de que están aquí, de que son persoas, que non son uns simples cans que actúan ó asubío do seu dono. Pero aquí só están os seus corpos, sen vontade propia, sen intención. Chegaralle a algún a morte loitando por convencerse a si mesmos de que non estaban aquí, de que non era eles, de que non participaron en tan arrepiante crime. No momento do último alento desviarán o seu ollar, buscando cara onde derivar a culpa, pois non se sentirán con forzas para facer o derradeiro camiño con esa carga ao lombo. Unha herdanza que xamais terán compartido cos seus propios fillos, coas súas mulleres... aínda que todos calarán, sabedores. E non saberán a quen ou a que culpar, non saberán por que o fixeron, por que participaron nos aquelarres sanguentos destas noites de verán sen lúa. Non saberán por que asistiron, pasivos, sen impedir tales crimes contra homes coma eles, contra veciños, parentes, vellos compañeiros de xogos... Tentarán convencerse de que outros foron os que nos arrincaron das nosas casas, da sagrada protección do fogar. Que outros foron os que nos empuxaron dentro dos coches, os que nos ataron e mallaron. Que outros foron os que cometeron as horrendas mutilacións e apertaron os gatillos, en pleno clímax de crueldade, satisfeito xa o seu famento instinto torturador. Diranse que outros foron os que idearon despoxarnos da nosa condición de homes antes de asasinarnos covardemente, porque no fondo do seu ser carecen do valor preciso para matar a un semellante. Precisarán vernos como bestas, masas inhumanas, sanguentas e arrinconadas, para poder executar o disparo final. Verannos como ameazantes serpes cando tentemos, co último alento de vida, coa última gota de sangue, aferrarnos ao carballo máis próximo para agatuñar na procura da dignidade, buscando morrer de pé... mirándoos aos ollos. Como morren os homes. Só entón, medio mortos, medio vivos, de costas e feitos un bulto de hematomas e sangue, a penas recoñecible a nosa condición humana, ousarán disparar. Rematar con todo. Antes que chegue o mencer. Ponte do Barco... cousas verás. Durme miña ruliña, durme. Que non che salte o corazón. Que eses golpes que rachan a noite non perturben o teu descanso. Durme no teu berce, quentiña, inocente. Que aínda estou á túa beira, coma sempre. Para sempre. Sempre. Non deixes que me arrinquen da túa beira; non esquezas o meu amor. Que non me maten no teu corazón. Non deixes que o esquecemento che roube aquel meu primeiro bico, entre bágoas, co teu corpiño aínda espido e sucio. Garda na túa alma aquela miña cara de parvo que verías ao abrir os teus olliños ao mundo, aquela cara de home emocionado, sen un fío de voz coa que falarche. Miña filliña, bolboreta colorida desta casa gris. Pecha os olliños e sinte, para sempre, esta aperta de infinito amor coa que non podo dicirche nin unha pequena parte das mil cousas que che había dicir en toda unha vida. Cantas cousas que non poderei dicirche, cantos contos, tanto que ensinarche da vida. Pero has aprender ti soa... aquí está a primeira lección. Porque o castigo non ha ser só para min. Tamén para ti, miña probe estrela de ollos negros. Tamén para túa nai, e para teus avós. Toda esta casa quedará maldita desde esta noite de arrepío, inundada dunhas vergoña e indignidade impostas, máis non verdadeiras. Viviredes sen vivir, coa cabeza gacha, ocultando pero conservando esa razón que eles endexamais terán. Pisarán forte, mirarán forte, parecerán fortes. Mais, por dentro, sufrirán a debilidade de quen só pode imporse pola forza, pola violencia, polo medo... pola morte. No fondo do seu ser saberán que non inspiran respecto senón medo, que non son admirados senón temidos. Saberanse silenciosamente evitados, repudiados, marcados por todos, porque o pobo non esquece. Mentirán os xornais, mentirán as actas, mentirán os rexistros... mais a Memoria manterase imperturbable e as miradas da xente dirán “sabemos quen é quen. Sabemos de onde vindes, de onde saístes, que fixestes...”. A súa superioridade e o arrinconamento das súas víctimas ficará nos papeis, nas leis, nos bandos; pero no interior do corazón todos saberán que son eles os descastados, os lexionarios do roubo, da dor e a morte. Os netos escoitarán a carón das lareiras as tristes historias destas lóbregas noites de verán. Saberán de onde saíu a súa autoridade, as súas influenzas. As súas propiedades e riquezas. Ladróns, tamén ladróns... Morrerán sabéndose ladróns. Volven berrar fóra. Que abramos a porta ou a rebentan a tiros. A tiros. Xa veñen dispostos, coas armas cargadas e o dedo no gatillo. O caso é disparar, aínda que sexa contra unha porta, contra unha muller indefensa. Hai que desafogar a rabia requecida polo augardente. É agosto, a noite é quente. O aire, as cabezas, están quentes tras un longo día de sol. Mala cousa quentar aínda máis os miolos cunhas copas tomadas entre cans de presa, axitados polo cheiro do sangue que adiviñan próximo. ¿Que lles fixemos? ¿Que lles fixo ninguén? ¿Acaso alguén busca o seu perxuicio, alguén os acosou e arrinconou? ¿Acaso son súas as terras que defenden como lobos famentos cando son simples canciños mansos? ¿Acaso seus os privilexios seculares que oprimen a quen traballa e manteñen a toda unha caste de señoritos, leviteiros, burócratas e lacazáns? ¿Non son homes coma nós? ¿Non son pobres coma nós? ¿Non teñen as mans castigadas polo duro traballo en leiras que nunca serán súas? ¿Non viven de prestado a cambio de vender a súa dignidade no mesmo momento en que nacen nas casas dos “señores”? Si miña filliña, si. Pero aí os están; todos a unha. Que valentía a de quen se move amparado pola noite, acosando a mulleres soas, asustadas, temerosas da vida dos seus fillos. ¿Acaso lles negamos a súa liberdade, o seu pensamento e dignidade, a súa vida? Non. Pero aí os están. Diante da porta, tremendo de odio, agardando o momento de “facer xustiza”. A xustiza dos outros, dos amos. Porque nin tan sequera é a súa xustiza. Servos sen conciencia, bestas sen dignidade. Non son homes, non poden ser homes. Son lobos. Á fin, abrirá túa nai a porta, tremendo, entre saloucos, pedíndolles que nos deixen tranquilos. Preguntaralles que queren de nós, que non fixemos mal a ninguén, que quen os manda buscarme, que onde me van levar. Ducias de preguntas que nunca, nunca, terán resposta. “Que saia, ostia!! ou entramos a buscalo”. Violencia fronte ás bágoas, valentía fronte á debilidade, malleiras fronte a verbas de liberdade e dignidade, de irmandade e loita humanista... pistolas fronte ás razóns. Esas son as armas desta loita desigual. Esa é a súa causa, a súa “cruzada”. Eses os motivos polos que me ven como un perigo, como un inimigo. Por soñar nun mundo mellor para os nosos fillos... e para os seus tamén. Nada fixemos contra ninguén, senón polo ben de todos. De todos. Ti durme corazonciño, durme e non me esquezas, miña pombiña branca. Lembra estas mans fortes e agarimosas que te apertan contra o meu peito quente e sobresaltado. Lembra este corazón que se acelera a cada segundo, presa do medo e a incertidume, da ignorancia do meu destino inmediato. ¿Onde estarei mañá? ¿Como amecerei? ¿Que serei? Quizais un corpo desmembrado, nunha poza de sangue seca polo calor da noite e os primeiros raios de sol do amencer, a penas filtrados, clandestinos, entre a follaxe da carballeira. Mataranme pero non morrerei. Non miña pequena, non deixes que eu morra, nin o meu recordo... a miña ilusión. Non permitas que eu morra aínda que eles me maten compartindo o último alento co compañeiro de utopía. Morreremos, cómplices, camaradas, mirándonos un ao outro, mariñeiros enrolados nesta nave da morte sen sentido, da dor sen motivo, da tortura sen compaixón. Pero ti durme miña xoia. Durme, meu ben. Porque non deixarei que che fagan mal. Non, a ti non. Hanme levar a min, hanme prender, mallar e mutilar. Hanse cebar en min como quen desfai unha machada contra o duro castiñeiro que leva centos de anos contemplando o paso da vida, das xentes, da Historia. Hanme levar e deixaranme, prostrado, co último alento nos grises beizos inchados, partidos nunha e mil fontes de sangue reseco. Alí estarei, morto, con brazos e pernas caídos sen orde nin vida arredor do corpo, ensanguentados, serpenteando cara o chan, entre a herba seca da cuneta. Alí me atoparán, mutilado e torturado. Despoxado do último resto de dignidade. Alí me descubrirá túa nai, como unha caricatura de home, como unha estatua da sinrazón, como exemplo... escarmento... lección para o futuro. ¿Que futuro? ¿Acaso nos agarda algún futuro despois desta noite, despois de todo isto? Séculos de inxustiza, de submisión, de ser tratados como bestas de carga sen alma, de negársenos a nosa condición humana. E cando todo cambiaba... Algún deles non terá o valor de me mirar á cara nos momentos finais. Manteranse afastados, botando un pito, evitando unha complicidade que a súa conciencia lle lembrará de por vida. Tan só os “valentes”, as malas bestas. Eses farán o traballo. Eses... si. E así remataremos. Así rematará todo. Na Ponte do Barco, en terra de ningures, camiño de todas partes. Para que o viaxeiro reciba o exemplo, aprenda a lección. Pero ti durme, meniña, durme. Durme, meu corazón. Que eu tamén durmirei, boca abaixo, cun pé espido e os pantalóns baixados. Durmirei coas bágoas da inxustiza nuns ollos que xamais han volver chorar. Co meu corpo mutilado, capado coma un boi, coma unha besta calquera, un porco ao servicio dos amos. Durmirei ata que alguén esperte a miña Memoria tras tempos nos que vivirás marcada, repudiada pola historia, pola súa historia, mais respectada por aqueles que te rodearán, por todos aqueles que me coñecen e saben que mal lles procurei. Ningún. Ti durme, cacharriño meu. Que eu hei durmir, nun longo esquecemento, pero chegará o momento en que esperte. E de novo han baixar a testa os mesmos (os que farán como que esqueceron, como que poden durmir inocentes), humillado o seu ollar no seco po dos camiños; eles e o seu sangue. Entón saberase quen foi teu pai, e seus fillos saberán quen foron os seus, malia que lles pese, aínda que repudien a Verdade. Durme tranquiliña, inocente, porque ese día ha chegar. Só entón poderei erguer de novo a cabeza; só entón se erguerá de novo o meu ollar de entre a seca herba desta cuneta en que me atoparedes, a través dos teus ollos, do teu sorriso, do teu xesto de dignidade e orgullo contido durante toda unha vida. Durme, mociña guapa. Durme porque papá vai durmir, pero espertará tamén. E o mundo saberá, por fin, que ti tamén tiveches un pai. Á fin, saberán todos quen son eu... e quen son eles. Todos e cada un... no seu sitio. E a lúa... volverá escintilar, raíña da noite, nun mundo de Todos. Ponte do Barco (Cerdedo), 13 de agosto de 1936 A Francisco Arca e Secundino Bugallo, camaradas caídos na loita pola Igualdade. |




