Asociación Cultural "Vagalumes" de Tabeirós-Terra de Montes
Na
"fala que é murmurio nas augas dos regueiros". Desde o universo poético
de Cabada Vázquez, presididos pola advocación laica da virxe da Grela,
defensora das xentes do mar a pesares de estar no interior da nosa
Terra, esta asociación pretende que as nosas letras flúan como
regueiros polas beiras abaixo da Serra de Liripio até fundirse no
océano mundial das palabras, dando a coñecer a obra dos nosos
escritores e escritoras da bisbarra coa convicción de que só é posible
ese obxectivo se apreciamos a Terra e as xentes que os inspiraron e
somos quen de vivir as emocións que os moveron a empuñar a pluma. As causas nobres das clases populares humilladas e da patria
aldraxada levounos e lévaos a empregar o noso idioma. Un idioma
perseguido polos poderosos de onte e hoxe. Unha lingua que convoca a
autenticidade e escorrenta o desleixamento.
Desde
a fronteira artificial entre tres concellos que administrativamente
quixeron dividir e que seguen unidos na sensibilidade e na razón,
traspasando barreiras que pretenderon esgazar fraternidades que os
versos de “Vagalumes” transcenden e restauran, esta asociación que nace
con xentes das parroquias limítrofes de Cerdedo, Forcarei e A Estrada,
non poñemos couto ao ámbito da nosa actuación sen esquecer nunca a
orixe, a fonte, as raíces de onde vimos. |