‎‏‎‎‎‎‎‎‏‏‏‏‏‎‎‎‎‎‏‎‎‏‎‎‎‏‏‏‏‏‏‎‏‎‏‎‏‎‎‏‎‎‏‏‎‏‎‎‎‎‎‏‏‏‏‎‏‎‎‏‏‎‏‏‎‎‎‏‏‎‏‏‏‏‎‎‏‎‏‎‏‏‏‎‏‏‎‏‎‏‎‎‏‎‎Pensamento

Faite seareiro

Somos parte de

De Balbino e Rosa Parks a Mandela, pasando polos Peares

Publicado a 28/09/2010, 11:54 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes   [ atualizado a 28/09/2010, 11:57 ]

A un ano de se cumpriren os 50 anos da publicación dunha das mellores e máis coñecidas novelas da Historia da Literatura galega, as Memorias dun neno labrego (Buenos Aires, 1961), de Xosé Neira Vilas, as disposicións agresivas e regresivas do goberno da Xunta de Galicia para co idioma galego fannos volver ós bretemosos anos corenta do primeiro franquismo, nos que se desenvolve a trama da obra.

Eu son Balbino. Un rapaz da aldeia….”

“…Coma quen dis, un ninguén. E ademais, probe”. Desta forma tan rotunda empezaban as memorias do neno neiravilán, que logo, a forza de cavilar, non aceptaría ser un resignado conformista. Moitos dos nacidos na zona rural, e no franquismo, sentímonos identificados co Balbino e con moitas das súas angueiras, e poñiámonos da súa parte nas liortas que tiña co seu antagonista, Manolito, tamén do rural pero da clase fina. En troques, seu pai volvía polo neno do señor en vez de facelo polo propio.

Non era entendible este desleixamento paterno. Ou quizais si, pois o proxenitor do neno labrego non era nin é o único galego abaixadizo ante os poderosos: un de tantos que lle dá a razón a quen o despreza. Un caso claro de autoodio que aínda persiste hoxe cando xa o considerabamos desterrado. Para demostrar o enganados que estabamos aí está o “noso” Presidente de Galicia, que un día si e outro tamén intenta convencernos de que o verdadeiro problema dos galegos é que non sabemos inglés. Como solución a este trauma seica é imprescindible exterminar o galego a curto prazo, e para isto vai ordenar retirar milleiros de libros de matemáticas, física e química polo “delito” de estaren escritos na lingua dos parias deste país, o galego: non lle importa que 3,8 millóns de euros, segundo os editores, vaian ser tirados ó lixo. A crise tampouco lle impide gastar un millón de euros máis para facer propaganda do “seu” decreto do plurilingüismo. O “noso” Goberno vai dilapidar un total de cinco millóns de euros en “joder el gallego”. ¿Quen falou de crise?

Os Peares: unión natural fronte á división artificial

Aínda que teño para min que nunca leu as Memorias, o “noso” Presidente debe pensar que todos os galegos baixamos as orellas coma o pai de Balbino e renegamos do noso en favor do alleo. Seica el (o “noso” Presidente), tamén foi un neno do rural, dos Peares, lugariño dun cento de casas artificialmente partillado entre catro concellos, tres partidos xudiciais e dúas provincias: o paradigma da caótica división administrativa de Galicia. Pero Os Peares tamén son o símbolo da unión natural, como ben o entendera o teólogo Xosé Chao Rego cando organizara alí, o 16 de setembro de 1980, a III Romaxe de Crentes (e non crentes) galegos: a liturxia convidaba á irmandade dos pobos tomando como símbolo a unión das augas dos ríos galegos que se produce neste lugar tan sinalado da nosa xeografía, pois alí o río Miño recibe as do farturento Sil e do pequeno Búbal.

No canto da unión natural, o “noso” Presidente tomou da súa aldea como modelo de goberno a división artificial imposta desde os despachos madrileños, de aí que fomente a desunión, o enfrontamento, a segregación. Se alguén lle parece dura esta última palabra, que lembre que o primeiro intento do seu goberno fora separar nos colexios por aulas os nenos dun e doutro idioma. ¿Habería tamén autobuses distintos para uns e outros para evitar “a contaminación”? Nisto recuou, de momento, quizais porque, coa proximidade do Mundial de Fútbol de Suráfrica, igual se volvía falar moito daquel apartheid de mala prensa… Aínda que os nosos nenos seguirán indo xuntos (de momento) nos mesmos buses ó colexio, non teño claro que os Balbinos galegofalantes non lles teñan que ceder o asento ós Manolitos castelanfalantes. ¿Faría o “noso” Presidente outra das súas promesas electorais?

Os exemplos de Rosa Parks e de Mandela

Dun xeito ou doutro, o goberno do Sr. Presidente (deles) anuncia radicais medidas segregacionistas para o curso escolar que empeza en setembro deste ano, no que boa parte dos nenos de educación infantil se verán privados do seu idioma por mor dunhas enquisas enganosas e sen garantías. Tamén se ameaza con expedientes ós profesores/as das materias científicas que sigan dando as clases no idioma propio de Galicia, como se iso fose un delito execrable. A un esta medida tamén o leva á Suráfrica do século pasado, con aquelas sancións impostas polo goberno racista de Pretoria ós mestres e alumnos negros de Soweto por rexeitaren a imposición do afrikaans (un dos idiomas dos brancos) nas aulas.

Fronte ós novos aprendices do senador McCarthy terán que aparecer en Galicia moitas Rosa Parks, aquela costureira de cor (negra) de Alabama (USA) que se negara a cederlle o asento do bus a un rixoso home branco; coma ela teremos que negarnos a sufrir a humillación de desaloxar o asento da lingua galega do bus que nos vai levando desde hai máis de mil anos. Coma ela, os defensores do galego xa estamos fartos de ceder e ceder, de sermos estranxeiros na propia casa. ¡Rosas e Balbinos, Balbinos e Rosas: por nada do mundo deixedes o voso asento! ¡Agarrádevos a el con forza e que veña a noxenta garda pretoriana do Manolito dos Peares arrincarvos del para levarvos esposados –expedientados- por “querer imponer el gallego”! (dade por descontado de que volverán presentar os oprimidos coma opresores). Lembrade que a Historia non só a poden mudar os que mandan, senón tamén costureiras humildes coma Rosa Parks, pois sen a súa valente acción de 1955 quizais non se produciría o activo movemento polos dereitos civís dos anos sesenta nos EE.UU., co doutor Luther King á cabeza, nin habería hoxe un presidente de cor (negra) na Casa Branca. Grazas á firme resistencia de moitos Balbinos e Rosas, do rural e das cidades, chegará o día en que Galicia poida presumir dun presidente integrador como o foi Nelson Mandela na República de Suráfrica, coa suficiente categoría para gobernar para todos. Nestes momentos nin sequera temos un De Klerk: retrocedemos ós tempos bretemosos dun Botha, dun rancio Botha.