‎‏‎‎‎‎‎‎‏‏‏‏‏‎‎‎‎‎‏‎‎‏‎‎‎‏‏‏‏‏‏‎‏‎‏‎‏‎‎‏‎‎‏‏‎‏‎‎‎‎‎‏‏‏‏‎‏‎‎‏‏‎‏‏‎‎‎‏‏‎‏‏‏‏‎‎‏‎‏‎‏‏‏‎‏‏‎‏‎‏‎‎‏‎‎Pensamento

Faite seareiro

Somos parte de

Pensamento‎ > ‎Opinión e creación‎ > ‎

David Otero

Achegas
David Otero (Compostela, 1946) é mestre e escritor estradense. Membro das xuntas reitoras da Fundación Castelao e Alexandre Bóveda e secretario do Pedrón de Ouro e socio fundador da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GALIX (da que foi o seu primeiro presidente). Entre as súas obras cómpre salientar "Castelao, corenta anos depois", "Castelao", "Rafael Dieste", "Xesús Ferro Couselo", "Eladio R. González", "Que facer coas palabras", "Alexandre Bóveda, na demanda de restauración", o libro de poemas "Para iso está o futuro" e os libros de contros para nenos e nenas "A verdade na bufarda", "Chano" e "Contos de ir e volver".

PATRIA E CASTELAO ( sen medallas nin escapularios)

Publicado a 22/07/2012, 11:00 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes

A cousa vai de clara. Queren rompernos o presente e roubarnos o futuro. Nin máis nin menos.Vaites, vaites, diría Daniel de Rianxo.De todas as maneiras quédannos folgos de enerxía nacional para facer un paro e botar man da Patria e de Daniel de Rianxo nestes tempos de mes patrio a pouco de celebramos o ALBA DE GLORIA aló por terras do Pico Sagro ( que será o 21 do que corre).Queren malvendernos aos tratantes , aos que sempre gañan, sexa en épocas de ben como de estafas ou maldades e así facelo, mesmo roubándonos, en activa e en pasiva. A dous carrillos.Redúcense os salarios, aumentan os impostos indirectos e aos máis ricos sálvanse, coma sempre, da queima. Todo legal e legalizado ( parece).E daquela aínda que o asunto fira, que doa, que nos luxe…que…? Cal conciencias irán collendo corpo? Seguiremos metidos na anestesia intencionada? A que máis haberá que agardar…?

Na novela de Aingeru Epaltza ( Rock´n´roll) dise: “ Dignidade. Que palabra grande. A dos heroes.A dos que perecen ou se afunden , resisten, no seu lugar sen ceder un palmo de terreo. A dos mortos fermosos. A que argumenta, empuña, quen nos indica , ordea, que nos chimpemos pola ventá.” Esta última é a que se nos pide e sen rechistar. Non haberá outra opción…? Seguiremos a poñernos ao pé do desastre…?

Daniel Castelao, dicirche que sen medallas e sen escapularios, sen que faga falla que esteamos a piques da celebración do día da Patria, queremos que saibas que os momentos son duros, e repetímoscho, que nos queren romper o presente e roubarnos o futuro e por iso, ao noso ver, é importante ( mesmo necesaria e obrigada), e de suponer que estarás de acordo, toda a solidariedade das galegas e dos galegos, toda a decisión, para mantermos rexos, inamobibles, os piares conquistados e tan traballados de xustiza, de convivencia, de liberdade. Queremos sentilos a seguridades de vidas neste chan de pobo, o do galego, a non moito, penso, de se dicir comprensivamente determinado. Que coño Daniel, que a nosa terra é ben aquelada e que temos onde compartir e onde comer pan ( e se o facemos como se debe…con menos bágoas, coño).Pensemos daquela en que soberanía nos queda? Cal temos? Non lles deixemos que nos ocupen os camiños e moito menos que nos saian ao encontro para sacarnos o moito do pouco que con tanto facer acadamos e por riba que nos digan que todo é polo noso ben.

Mira Daniel, e non che falo de medallas, nin de escapularios, ti repara en como a cousa se nota en como se dá ao medre. O dos ricos coa súa riqueza e o dos pobres coa súa ( nosa) pobreza. Míraos ti como xestionan o común. Velos aí están , mirando como queren e a quen queren, lexislando contra nós. Que ben sabemos que hai , debemos, botar unha mal diante do mal, si señor, si…para darlle ao asunto mellor rumbo, que si señor. Pero as aportacións e obrigas, os esforzos, non poden ser os mesmos para uns ( nós) que para os outros.Iso non o queren os pillos da ponte de mando e bótanlle a culpa á tripulación que dá remo sen parar e tira sen límite. Isto anda así e vai así, Daniel, neste solar estatal de pandeiretas, charangas, eurocopas e rescates de bancos ( que menudo cabo lles van botar desde proa meu amigho). E claro…de facer contas e de tomar pulsos para ter sabencia e constancias de cómo se chegou a isto, Daniel, dígoche que diso nada meu amighiño. De botar contas…nada.Nada de facer exame do que pasou e cales as causas. Haberá responsables… ou? Será agora a hora dos de abaixo…? A lóxica deles non vai na boa dirección e póñennos dos nervios.

Contan que se ao presidente do estado español o castigasen cun minuto de cárcere por cada mentira que di, seica xa andaría por dúas cadeas perpétuas (e así outras e outros, que son bo número).

Que che parece Daniel…? Vai A Rianxeira…? ( e que “ tamos fartos”!)

DAVID OTERO / mestre.escritor.

SON FILLOS DA ESTRADA

Publicado a 13/06/2012, 03:24 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes

Os días cinco e nove deste xuño soleira de verán, a xa a gusto de festas nosas e populares ( debesen), exerceremos memoria de obrigada celebración de vida, de recordo permanente e de responsabilidade cidadá. Neses dous días, e sobre todo no primeiro, o día cinco, foi ( hai setenta e cinco anos) o fusilamento de seis fillos da Estrada, tres da Corporación Municipal, alcalde e tenentes de alcalde, e logo tres de representación viva e activa veciñal e política. Media ducia de mártires que engadir a outros máis tamén nosos, (galegos), e así nesa comuñón constitúan esa longa fileira de bos e xenerosos, defensores da liberdade, demócratas de idea e esencia, exemplos de vivir, que desgrazadamente aínda levan ás costas unha culpa inventada, interesada, que se debese traducir e limpamente en inocencia cristaíña de lealdade popular. O silencio, cando non o ninguneo, as trabas e disculpas, os olvidos ou as aprezacións máis detestables ( mesmo as burlas e lixeirezas), son probas de cómo se poñen todas as disculpas e dificultades ( falsos argumentos) para non recoñecelos en valía e restituílos en absoluta inocencia daquelas culpas que se lle imputaron de maneira escura, tendenciosa e carentes da máis mínima rigorosidade e do máis mínimo respecto aos dereitos humanos. Foi daquela unha enorme equivocación que xaora deberíamos ter emendado e de vez para elas e para eles a todos os presentes e para os futuros que nos garden.

Unha boa cousa sería poñer á vista e con claridade o nome no rueiro pedido por eles, lean a carta mandada, antes dos seus sacrificios pola liberdade, as mortes, no terrible fusilamento en Pontevedra, por aqueles nosos veciños, fillos da Estrada, representantes do noso pobo, tres deles membros da Corporación Municipal, que pediron a futuro unha rúa ( toda chea de reparación e acumulada de memoria activa e común) a RÚA DOS MÁRTIRES ESTRADENSES a canto plural e a proclamación democrática ( tamén institucional) de liberdade, de xustiza, de lexítima restauración , plenamente a gozo e saber veciñal, neste noso pobo da Estrada.Máis que soamente antoloxías de textos ( que nunca sobran, ollo) tamén son necesarios feitos contundentes, explícitos de recoñecementos, obrigados a exercer xustiza, aínda que non sexan tantos como os devanditos textos, si poden e deben darse  ( os feitos) os suficientes que sumen e nos coloquen na esperanza de sermos felices a toda vida comunal e democrática neste noso pobo da Estrada que así exemplarmente recorda ( que é acoller ) aos seus fillos.

Esteamos pois os días cinco e sete presentes no sítio de comunal memoria ( alí todas e todos temos lugar e tamén deber de así facelo) e desta maneira pensar se é preciso ( e de vez) reparar o noso pasado para afortecer o futuro desde o presente que nos advirte xustiza. Conxuguemos pois na Estrada ( e así de modo plural) o verbo amar que nos colocará nos días de vivir certo e nos sentimentos acordes cos que nos precederon.

                                                             david otero ( mestre-escritor)

Pero logo …que foi ?

Publicado a 26/05/2012, 07:01 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes

Autores do manifesto do correlingua censurado polo Concello da Estrada
Pois foi o dezasete de maio que ao erguerme puxen a bandeira galega na ventá da casa. Tiña que aportar grao no pan común que iamos facer neste día. Era o día das nosas letras e así pois da nosa Lingua Galega a todas as palabras. Era o día ( un día grande de ano e de distingo). E que bonito foi abrir os ollos e ver ao meu pobo da Estrada todo el engalanado de bandeiras nosas e acugulado de palabras a se escribiren nos aires (faladas e lidas, escritas, pensadas, cantadas e recitadas, mesmo debuxadas ) con letras nosas e tamén por todos os reconcos soaban as músicas orixinais e patrias, tan diversas, a compases de voces harmoniosas. Todas e todos os deste pobo saían ás rúas festexando e celebrando. Mirábanse felices e así de dinamizados ían a camiño de normalización. Nas parroquias tamén outro tanto. Ata se xuntaron as veciñanzas  para xantaren todos xuntos. Para así todas e todos gozaren da Festa da Lingua ( galega) na Lingua ( loxicamente galega). Non se sacaran os tractores. Gardáronse as tarefas para outro día. Algúns mesmo fixeron ponte. Unha alegría compartida, plural e comunal. Estradensismo total. Que o dezasete de maio sería sempre un día de gardar para o moito que celebrar.Todo el a festa de Lingua na humildade do orgullo de sermos galegas e galegos.
E tamén neste día e xa había algúns máis se anunciaba o día internacional dos museos. Xa estaban preparadas moitas propostas cívicas, sociais ( e non soamente para os centros de ensino). As propostas eran interdisciplinares, sociais e nosas, reais e asemade virtuais, e sempre plurais e integradoras. Polo tanto quen quixese e cando puidese iríase de visita, a pola vila, respondendo á convocatoria do día. Nas librerías e postos de rúa había libros, dvd, páxinas web de consulta, unidades didácticas sobre contados e distintas orientacións educativas ( propias das artes, das tradicións , da historia e da cultura, dos traballos e profesións, das ciencias sociais, da educación para a cidadanía, etc.) e todo partindo de quen somos para afondar no que fomos e así potenciar o que e quen queremos ser. Velaí días de gloria ben completos. Políticas culturais de amplo saber e ver e de inmedible sentir estradense e galego ( así universal ). Tamén por estas se estaban a realizar obras para a Casa das ( nosas?) Letras. Mesmo para axudar así a integrarnos un algo máis e como for debido no mundo e abofé que non para saírnos del ,tal como algúns pensan que así podería suceder se simplemente usásemos normalmente o noso idioma galego e digo que normalmente, como é debido, e non  unicamente, que quede claro , pois a pesar de nós facelo ben…e por normal que fose, seica opinan que nos iríamos fóra do mundo e el saberán eles… a onde…?.
Pois cóntolles que a cousa non paraba. A cabeciña non daba abasto ao que vía. E daquela foi a miña bandeira galega e deume  en acariño na faciana movida por un vento maino e ceibe ( un dos ventos que corren pola rúa deste barrio no que vivo).  Sentínme galego. E logo en menos de que canta un galo decateime …si…. Saben…? O antedito aquí estaba metido nunha páxina invisible. Unha bomba de palenque que estourou alá por xunto da casa do Concello púxome na realidade. Decateime.Todo desgrazadamente foilles un soño. Haber se para o ano…

david otero.mestre e escritor.

LOGO DO DÍA ( e para o que nos veña…)

Publicado a 19/05/2012, 01:18 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes   [ atualizado a 19/05/2012, 01:22 ]


O día dezasete das nosas letras( galegas) estivo cheo de diversidade. A Lingua foi en parte do noso pobo ( que non en todo, que os había adicados a moitas outras labores e tarefas e xa que logo indiferentes ou mesmamente pasaban), pois foi, dicimos, ese poder enerxético que nos coloca, que nos pon a cen por diversas causas e por diferentes motivacións e medidas. Para uns a nosa Lingua seica vai apurada ( din que imposta)de moito estar por todos lados e daquela hai que freala, pois recorcio… non vaia ser. Para outros circula de a pouco paso, minguada e mirrada, lastimosamente marxinada e xa para outros ( por desgraza xa ben deles) que pinte do que lle pete, pois para estes últimos non toca a fanfarria, ou sexa que “ nin fu, nin fa”. De todas as maneiras e polo aprezado, diremos que pouco se foi do previsto. Tamén dicir que , referido ao noso idioma, por moito que se trate de silencialo non haberá silencio ( nunca máis o haberá). A dinámica da razón, da identidade, a do que nos determina aos que sentimos o orgullo de sermos galegas e galegos, afirmamos que non se nos para , nin se nos parará, con decretos, nin con mentiras, nin con medias verdades, nin matizando burdamente e malamente certos significados. Tampouco invocando a liberdade de comenencias ( a que lle direi que de opresión), nin con represión, nin con expedientes, nin con potenciar contencións, as cales por moito que se digan equilibradoras son claramente de ideas demoledoras, xa que logo, referido pois para o noso idioma, sono puramente dinamitadoras. E si que obedecen perfectamente a unha idea que se cristaliza nunha intencionalidade moi ben refllexionada, planificada, e posta en execución ata onde dea de si e se poida, que nuns lugares ( e pobos) será máis e noutros non tanto e así diante do visto poñen freo xa que hai que ir con tento, pois o choio pode volverse contra os propios demoledores brigadistas e derrubadores intencionados de idiomas nacionais, neste caso o noso, o galego, a lingua nosa de Galicia, a do Pobo do Galego.
De verdade que logo do día dezasete un vendo un algo do que pasou xa non sabe se cando algúns falan o fan simplemente porque se lle escapan as palabras ao botar respiro e ao alentar ou se pola contra o fan para querer diciren algo ao caso. O presidente da Xunta , posiblemente convencido dese facer que a nós non nos parece limpo, colle e tanto fala en español na Coruña como se proclama galego a toda marabilla en Vigo ( ao pé da vida, obra e memoria de Valentín Paz Andrade. E faino coa Academia Galega , a cal ten presentado recurso polo tratamento da nosa Lingua no xa famoso “ decretazo”( recurso que non anda alá moito). A el ao parecer tanto lle dá con tal de estar ( outra cousa é ser) e colle e ao referirse á nosa Lingua fala de “ pontes” e de “ muros” ( unhas para que e os outros de que, preguntamos). E nós dicimos sr. Presidente que a nosa Lingua é máis. A nosa Lingua é obra.
Por outro lado tanto se proclaman e anuncian, dáselle bombo, festas en galego e daquela péchaselle o picho da fonte a unha fundamental, o Correlingua, tan participativa, motivadora, de progreso e para sempre en clave de futuro. Concellos como o de Santiago ou A Estrada collen e póñenlle todas as chatas posibles e o segundo sácalle toda axuda por opinar que o texto gañador, o Manifesto de Correlingua, que foi elaborado por alumnos mozos do Centro Eso de Cesures, seica é excluínte. Habería que analizar o que iso ten de significado para estas autoridades ( das cales diremos que non son  siquera moi usuarios do noso idioma e sóbense ao “ machito” dando interpretacións, as cales xa de primeiras, e para non impoñer nada, sería discutibles e imos ver logo ao que chegariamos).” Haberá Correlingua se amañan o Manifesto “ (vaites, vaites). 
Iso si, outros dos seus, van e din que Don Valentín Paz Andrade foi un innovador da Galicia moderna ( e desta contemporánea, diremos que non). Miren ben os nosos gobernates onde estamos. U a Galicia moderna…? ( pensen). Tamén definiron a Don Valentín semellante “ a cen chaves de luz” , pois ben, desde o goberno moito fan por darlle a esas para que apaguen as luces ( e a poder ser que se fundan as bombillas para apago de vez e punto da nosa Lingua, Cultura, Historia e Pobo ). Claro que o farían , pouco lles importa a definición dada ou o título que outorguen, claro que si o farían de nós non remedialo, de nós non coller folgos e orgullo, confianza no que somos, pois guste ou non, nós somos nós ( aínda que os haxa que queren ser outra cousa para non se alonxar do mundo, din, e miren a onde poden ir parar desa maneira, aínda que de momento zugan da cana e gozan dos cargos sen moitas cargas). E miren senón unha mostra. O voceiro do PP no senado, lugués el ( como así lles dá chamo aos das murallas e da contorna, o escritor Paco Martín) vai e nunhas declaracións nun xornal colle e di: “ Galicia é o modelo económico a seguir no resto do país”. Está preciso que ao dicir país, refírese a España ( ao estado) e nós preguntámonos se para Galicia deixa “ región”, “ barrio periférico marginal”, “ terra de aló e meighas”,” pobo da pota máis grande de polbo”( “nacionalgrastronómico”), pois para el Galicia…non será nación…ou?. 
Xa ven logo como imos, como  nos queren levar e como nos queren traer. Ide a pola vila, ide…que nós estamos onde se cociña e as tixolas témolas polos mangos e os mangos das tixolas…tamén son nosos.Xa ven pois…que imos dicir…? Pensen no que nos pode vir senón  facemos algo. Isto foi unha mostra de botón e xa que logo xa me dirán como será o traxe e as costuras.

DAVID OTERO ( mestre e escritor)

E NÓS PREGUNTAMOS… QUE PRETENDEN…?

Publicado a 25/04/2012, 22:47 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes

Con teimosía a dereita repite a falsa idea de que aquel que recorda a historia é alguén que vive no pasado.Por que tanto interese en que olvidemos…?



Pois son horas, amigas e amigos…
    Son horas de nos pronunciar a campo aberto,
    nas Linguas comprensivas dos nosos pobos
    e sen ningún acoute de pensamentos.

    Son horas do valor honrado,
    pois…de non chegar esa hora
    e de non protagonizala…
    e de non ocupar as nosas vidas plenamente…

Nós…
traballadoras e traballadores de todas as clases
    perderemos para sempre os nosos horizontes
de intuicións e de conquistas.

E por iso neste país de todos os demos,
de tantas historias da historia
e do que din que vai…
como nunha maldición terrible…

Así nos queren facer reféns
e colocarnos a todas as agresións
nos desexos baleiros,
cos indiferentes e neutros…

E así a corpos reducidos
en enerxías perdidas en apariencias…
tamén nos queren facer ir temerosos dos compromisos
e convertibles en moedas de cambio.

E ir tamén…
na febleza provocada de non saber dos abrazos,
nin das palabras, nin dos propios corpos…
e menos da nosa soberanía…

E por iso temos que avanzar na rebeldía…
cos desexos como campo de batalla…
que será aí mesmo onde comece:
A LIBERDADE.

Que así será necesariamente a nosa loita,
a de cada día para nos liberar deste estado,
cárcere de pobos,
no que estamos presos…

E no que estamos agolados a ofensivas durezas
para sermos deles a toda indignidade
en atmósferas envelenadas
por tantas bandeiras falsas.

Por iso compañeiras e compañeiros
hoxe dediante de vidas exemplares,
para honra e lectura limpa,
a sí direi: Ponte,  e Pan, e O Asturiano.

E profeso acordo que confeso
con eles liberadores inmedibles
referentes de memoria colectiva
e así  niso eu quero preguntar:

Ata cando a orde…
ha ser silencio?

Para cando os da mitra loitarán
para que os pobres posúan a terra ( como predican)?

Ata cando a resistencia, o berro indignado…
ha ser delito ?

    Ata cando a fame ha ser unha fatalidade…
    inevitable…?

    Ata cando as súas excelencias e as súas maxestades
    seguirán indo baixo un palio feito da pel dos que nada poden…?

    Ata cando a palabra LIBRE seguirá excitando a represión
    que así exercen os que manexan o poder…?

    Compañeiras e compañeiros…
    Non podemos máis…
   
    Non podemos máis seguir levando ás costas
    a leña…

    A leña que alimentará o lume…
    para o noso sacrifício.

    Non podemos máis seguir levando…
    Non podemos…

               




O DAVID OTERO.


na Abella, 21 de abril de 2012.

Presentación do libro “Mulleres na guerrilla antifranquista galega”

Publicado a 01/04/2012, 01:07 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes   [ atualizado a 01/04/2012, 01:07 ]

AURORA MARCO, a autora do libro que hoxe presentamos aquí na Estrada,
e que o facemos da man da AC VAGALUMES,
libro editado por LAIOVENTO,
unha empresa nosa de resistencia, das poucas que nos quedan,
a toda loita e progresismo cotián,
ela orientada a norte de determinación,
a ir de coherencia,
por FRANCISCO PILLADO MAIOR,
PANCHO PILLADO,
ELA así nos di:

“ durante moito tempo as mulleres estiveron esquecidas da historia de Galiza…”

Que foron os silencios quen mandaron, quen escribiron e falaron, quen acoutaron as verdades.

O delas… foi crónica de silenciadas, sen voz e sen letra… silencio.
E niso, di Aurora Marco, significou razón a súa condición feminina,
Foron mulleres vencidas,
mulleres defuntas…
excluídas…
Pois miren:

“ referíndose á situación de Isaura Pazos Campos, da Estrada, da Somoza, muller do mártir Carracedo, di o señor fiscal que está demostrado que facilitou cargadores ao seu esposo cando este resistía e que polo tanto fixo tamén armas contra ela mesma, velaí ao perverso, toda vez que pola súa condición feminina debese ser toda dozura e bondade, sendo pola contra unha adherida á rebelión…”

As mulleres foron consideradas bandoleiras…ladras…atracadoras…, e tamén putas, as putas dos roxos…
 pois non foi así…
elas foron guerrilleiras…
loitadoras da liberdade…




O CASO DA NAI DE PAN NA ABELLA….

E así hoxe a día oito de marzo, DÍA DA MULLER,
nós queremos celebrar a condición feminina,
que non é unha versión do masculino,
a muller non é o femenino do home,

Pois ben…
queremos facelo co recoñecemento ás nosas mulleres estradenses represaliadas,
levando  as nosas memorias ao máis alto, en nós…
onde se moven os corazóns a intensidades,
e así tamén manifestarlles niso… a elas…respecto pleno,
a elas...mulleres estradenses,
de todas e de todos,
ás que lle valoramos con afectos solidarios,
e desde nós…
a súa dolor inmedible,
os seus sufrimentos e padeceres,
os que soamente se superan coa esperanza…
a que sobresae na idea irrenunciable de liberdade.
pobo a pobo,
pobo con pobo,
para así collermos vida
para máis vida.

E para iso…
non temos que pedir permiso.

Das nosas represaliadas,
as que dos seus corpos…
aqueles covardes,
dicíndose vencedores,
fixeron campo de batalla,

Pois nós delas sacamos referencias abondosas,
que nos axudan a liberar as portas dos silencios coas maiores frescuras,
coas verdades incuestionables,
do que padeceron,
e que ocorreu de certo.

Estamos aquí…
para deixar claro que os olvidos…
non son o necesario para o tránsito limpo pola democracia.

Pois a memoria…
non pode enterrarse.

Nós removémos as mortas e os mortos,
sacámolos ao presente e avivámos as memorias,
para non deixalos enterrados pracidamente,
definitivamente…
pois en paz…
non están,
nin poden quedar.

Xa que do que dicimos e facemos é moito mellor que sexa agora,
que xa é tarde,
pero mellor que nunca.

As forzas disuasorias que nos avisan de quedar quietos
son as que nos dan máis forzas para movernos máis
e para teimar na verdade,

pois o que AURORA MARCO nos escribe no seu libro MULLERES NA GUERRILA ANTIFRANQUISTA GALEGA,
o que outras e outros nos dan a coñecemento,
non é unha lenda…
que é unha realidade
e esa realidade debe motivarnos a reparar,
a emendar, a corrixir,
a sacar á luz aquilo que se agocha na impunidade,
pois ben sabemos que os asasinos e os represores,
que a lista deles non é curta,
andiveron
e aíndan andan… de “ rositas”
e mesmo tamén as autoridades que os protexeron
e que os protexen.

Por iso …
son necesarias moitas reparacións,
moitos recordos,
memoria e homenaxes,
neste caso…
ás nosas represaliadas,
ás nosas mulleres,
ás nosas militantes na  liberdade,
para demostrar as enormes falsidades que nos envolven.
Hai que revisar moitas impunidades,
pois queda moito do “ atado e ben atado” para desatar tamén moito.
Que aquí pasou…
si…pasou… e moito.

Que aínda se teñen presentes a eses…
que non conformes con seren canallas sen culpa,
pecadores sen penitencia,
delincuentes sen castigo,
a toda chulería ensinan nas tribunas as súas condicións impunes.

Pero non olvidemos que onde houbo vida…
quedou memoria.
E a memoria volveu…imperante…
fresca e vixente.
reparadora…
corrixindo…
que iso…
non é vinganza…

E con ela…
buscando os oídos que nos escolten…
a verdade aflorecerá limpa a cada hora,
pois calar…
sería a nosa peor obra
e por iso
a toda voz e letra,
como así fai AURORA no seu libro que hoxe nos trae a este noso pobo da Estrada,
nós obramos tamén no que entendemos máis decente:
DENUNCIANDO
e neste caso para establecer honra e ben para as nosas mulleres
e en especial para as estradenses represaliadas.

Pois así son elas, tan as mellores,
represaliadas de formas brutais…
no sabor acedo do vivir…
e do sobrevivir…
Pero elas son …
conciencias firmes…
sen dobregarse nunca…
visibles…
a toda dignidade…
Elas…
ás que lles queremos dar honra,
E así dicir algún nome:

Isaura Pazos,
Filomena Coto,
Josefa Campos,
Francisca Domínguez,
Benedicta Castro,
Mercedes Castro,
Laura Porto,
Rosa Porto,
María Silva,
Maripepa de Sampicallo, nai dos Ventíns,
Tamén nai de Nélida e Manuela Ventín,

E que son máis, que quede claro…

E todas elas veciñas de tanta beleza,
con toda honra a destaque.
Elas son os sons distinguidos e as grafías máis fermosas…
do mellor proclamar DIGNIDADE…
na ardentía intensa das ideas florecidas.

Pois queremos que  saiban…
que nestes momentos aquí no pobo delas,
cos seus nomes pronunciados e
na memoria…
queremos que vaia da mellor forma e nesta loita…
a nosa esperanza
para que as súas  vidas limpas se vexan plenamente reparadas,
esas vidas que alegran os horizontes que desexamos.

Nestes momentos dicimos
que non permitiremos que nos apaguen as luces para que os nosos ollos non lean as memorias vivas de tantas mulleres nosas exemplares.
que non concordamos co mandato de comungar cos silencios intencionados.,
os deses que nos queren desposuír dos sentidos das nosas vidas,
que nos queren privar dos recordos,
que nos queren sacar a presencia vivificante daquelas nosas mulleres a toda dignidade,
as caídas, paseadas, asesinadas, reprimidas,
Elas tan sabias como intuítivas,
resistentes,
referentes,
liberadoras,
que tanto nos axudan a facer a historia certa,
a verdade irrebatible,

Para elas pois…
os bicos amorosos que merecen…
por todos os tempos que transitemos polas nosas vidas.

Por iso para os que  usan poder,
tal furacáns desmoriados,
a todas as furias incontroladas,
a impunidades decretadas,
a risos de mentiras prepotentes,
a eses miuras soltos a man aberta en ave…
e en alto,
a eses que nada queren saber das verdades claras,
nin do disfrute do noso convivir con elas,
coas mulleres nosas represaliadas,
como ignorantes a posta,
e disimulando en democracia,
dicirlles claramente…
que son elas…
esas mulleres,
quen nos poñen en camiño,
xa que por iso tamén…
para esa construcción…
deron vida e vidas,
e así loitaron sen marcha atrás,
irrenunciablemente,
por tantos amores caídos.
aos que nos atar nós e firmemente,
determinados.

AMORES CAÍDOS que nos levan nas estrelas da xigante estrela que se vive:
LIBERDADE.  

E nós así…
aquí na Estrada imos nun camiño do camiño

E por iso dicir…
que a grande celebración definitiva
aínda está pendente…

Pois quen faltan…
non chegaron...
como debesen.

E así cando de volta
de vez…
entre todas e entre todos…
serán quen abran a marcha da nosa festa popular,
serán quen lle poñan o ramo á casa que nos acolla

E así gozaremos de nós
e dos seus máis fondos recordos.

Nos abrazos
Na memoria.

Non teñen dereito a facelo

Publicado a 04/01/2012, 08:36 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes   [ atualizado a 04/01/2012, 08:39 ]

Son como son, e que sexan, pero que non se pasen. Que non se pasen para ofendernos e sobre todo faltarnos ao respecto. Eles, os do noso goberno ( ao que non lle direi galego, pero goberno si), están onde están por haber sustantivo ( galegas e galegos, GALICIA, pobo e nación) e así adxectivos e celebracións ( datas de maior presenza e atención para recordo e afirmación determinada) e todo nunha esencia indiscutible de identidade que nos posibilita, facilita e determina, nos desenvolve, e nos orienta na cultura: a nosa Lingua Galega. Desde os anos vinte do século pasado, e antes , a proposta no traxecto do proxecto de Galicia foi celebrar o día da Patria o vintecinco de xullo e caese esta no día da semana que caese. Outra cousa foi o que desta data se fixo e se fai, arestrora querelo poñer nun luns así de friamente, a sinal de calendario laboral, pero en nós, galegas e galegos, o fundamental non se move e está presente e consolidado no 25 de xullo, día da Patria Galega, non outro, día de loita e celebración, irmandade plena de reivindicacións. Outro tanto, e mire vostede Don Paco del Riego e tamén tantos outros como o mesmo Valentín Paz Andrade e a RAG, miren o que os de arriba se permiten. O de pasar a un luns de compensar empresarial o DÍA DAS LETRAS GALEGAS ( como se o 17 de maio non tivese contido e significado e si parranda e praia se fixer bo tempo ou pontes de anuncio a ofertas de turismo)  
Andan a xogar perigosamente co que somos e temémonos que no fondo de todo isto hai outras intencións  que de seren certas, por elas, haberá que pedir responsabilidades e non poucas, xa que aquí non todo pasa de vez e veña a outra cousa que aquilo xa foi e amén.Pois non.Non teñen dereito a trocar días explícitos con valores implícitos. Días xa ben determinados en datas invariables. Días que nos definen e nos poñen nos mapas e a un ben deles por eles os colocan nos escanos dos gobernos e nos  postos de altos soldos e cualificacións. 
Eu non quero recorrer aos mortos, pois entendo que os vivos bastarán, pero permítaseme que pregunte que dirían disto e que farían Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao, Victor Casas, Rajoy Lelup, Anxel Casal, Otero Pedrayo, Celso Emilio, Valentín Paz Andrade, Don Paco del Riego, Moncho Reboiras, e tantas e tantos, se isto pasase cando eles traballaban intensamente pola construcción de Galicia, pobo do galego? E xa que logo… que imos dicir e facer os presentes? 
Galicia forma parte da grande creación da humanidade.Galicia, pobo do galego, ten as súas referencias, datas de ben e sinaladas, entre elas, o dezasete de maio e vintecinco de xullo, Lingua e Patria, e non poden celebrarse  en baseamentos de neocoms ou neoliberais. Basta de loros servís a piratas de investimentos. Non todo, ou nada, debese medirse por rendas de cotizacións en mercados. As nosas datas non son parte nin trato de mercaderías.Estas datas irrenunciables non son cousas de mercadeos, de comenencias ou oportunismos, sexan libros ou turismo. Estas datas son moito máis. Son referentes que nos axudan a andar, a vivir en plenitude como membros dun pobo e dunha patria, dunha nación. 
Os cambios que pretenden desde a casa grande San Caetano son golpes directos aos corazóns do noso maior maior corazón ( Galicia). Non teñen dereito a facelo e si o deber de conservalo como está e a poder ser ( que iso non ha ser doado no caso deles) facelo medrar e desenvolver.Ir a máis e mellor.

Pico Sacro

Publicado a 26/07/2011, 04:01 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes   [ atualizado a 06/12/2011, 05:17 ]

O que nos diga que temos

que ter paciencia e calar,

ou é que xa manda en nós…

ou é que pensa en mandar…


Velaí que así nos di para aviso e consello, reflexión necesaria, un dos nosos poetas nacionais. MANUEL MARÍA, Honra de Outeiro de Rei, amoroso do Cepelo…


E así tamén a ese xeito atendamos…



Nin tristuras, nin laídos,

Galegos irmáns.

Cada día é fillo de onte e pai de mañá.

O ronsel da nosa acción non esmorece nas augas,

Senón que é luz do porvir.

Por iso cada quen …

No seu posto,

Na súa actividade,

Debe darlle todos os días

Unha flor nova ao ideal…


Non nos laiemos irmáns…

Que a tristura se afogue nunha serea Ledicia

E sexa a brétema unha peneira do sol que se vai erguendo…


E sobre todo, cada día crear,

Crear un pensamento ,

Unha obra de arte,

Un sorriso…

Un feito…

Unha bágoa…

Ou unha palabra clara…

Mais de cote crear unha fe…

Sempre crear…








AMIGAS E AMIGOS:


Recibide coas palabras de Antón Losada Dieguez…

o desexo pleno de nós… o desexo de que sexades benvidos a estas terras do viso significado deste noso anaco galego de mundo que é o Pico Sagrado ou Sacro.

Vós sodes sen dúbida… un grupo de valentes emerxentes na patria e no pobo do galego. Significades pois… unha parte salientable e ilusionante do sector máis comprometido co futuro deste país.

Velaí que sodes ben visibles a valor de militancia nel, neste país e pobo, triunfantes pese ás circunstancias, pois a iniciativa que compartides… esta de hoxe , estando aquí neste noso chan, a 125 anos do nacer de Daniel de Rianxo, Castelao de Galiza, tamén a oitenta e sete da viaxe que realizaron en plena dictadura no ano 1924, xunto co propio Daniel, Manuel García Barros, o seu fillo David , o indiano americano Manuel Sinde, o tenente de alcalde da Estrada, Castedo, o doctor Nodar Magán, e o mestre, galeguista inequívoco, director de El Emigrado, Otero Abelleira.

Iniciativa digo, esta a de hoxe, posta a primeiro plano, a movemento popular como ando de construcción e de progreso.

Iniciativa digo… a proposta tamén indo desde aquel xullo do 36 a setenta e cinco anos de impunidade , pois os dereitos das víctimas son sistemáticamente incumplidos polas institucións, sexan do estado ou desta cousa autonómica ( á que non lle direi galega),pois … a liña divisoria que os sublevados trazaron a sangue e lume entre vencedores e vencidos…

marcou privilexios e triunfo para uns… e sometemento e discriminacións para os outros E esta pauta define aquel réxime, o cal segue aínda en boa parte defendida a días de hoxe a ben de notar polos herdeiros políticos e institucionais daqueles Atilas…

Non bastan actos e proclamas por parte dos gobernos de turno,

Nin homenaxes…nin inauguracións. En política, como na historia, son os feitos e os comportamentos humanos os que definen a verdadeira vontade dos actores sociais, moito máis cás palabras. Cás palabras ditas… para non seren cumpridas.

Circulou e circula un documento que debésemos subscribir ou saber del e que nun anaco di así:


Houbo un 18 de xullo de 1936, e as súas consecuencias perduran aínda.Perduran coa mesma forza con que a terra das gabias, das cunetas, oprime os corpos atuados de miles de persoas asasinadas polos xenocidas franquistas…”




Por iso, a ecos da illa de San Simón a texto de memoria histórica, e tamén a máis como ben sabedes, así a corazón de pobo e de nación, velaquí esta iniciativa a 23 de xullo, en vésperas do día da Patria a proclama de traballo, soberanía, pobo e así a pedir, construír, plena democracia.

Velaí pois que a todo sentir queremos que recibades a nosa benvida,

que saibades da nosa alegría por estardes aquí, pois nesta proposta de hoxe… queremos facer notar un potencial apreciable a sermos nós a toda cultura horizontal, popular e aberta, e sobre todo nestes tempos onde os campos e feitos nosos e nacionais, Galegos pois , os espazos de cultura e humanidade, a lingua e tradicións, a pobo e a historia…son obxecto de agresións faesmente estudadas para devastación, para destrucción e merma,

e que é así que nos desexan colocar xustamente sen nome…nos lugares de ninguén…colonizados e indeterminados…pero… non han conseguilo.


- Velos aí aos “ toliños” que falan de Castelao nacionalista galego, por recordalo, por lle manifestar lealdade nacional, facéndoo ben popular irrenunciable, ben de interese perfectamente determinado, xa que logo galego e universal…Eses toliños…! ( exclamarán con paternalismo de sobrados…) Velos aí van “ os toliños” monte arriba en andar de marcha…


- Pois si, dirtemos nós…” as toliñas e os toliños”…si…en andar imos de marcha auténtica e sentida, onde a memoria é creatividade ( recreación a modernidade plena) de determinación, onde a expresividade en Lingua e pensamentos propios son guía de orientación, os cales marcan compás a exercer imaginación, ilusión comunal, e afirmar historia.


- Señores tan prudentes, caciques desprezables, Saiban vostedes…

que nós queremos ferirnos nos arames que vostedes nos colocan

e así a obra e traballo , a ilusión compartida, queremos ir pouco a pouco rachando neles… liberando…e abrindo ocos transitables.



E por iso estamos aquí…




E que este aire que nos acariña as facianas

mesmo feito vento demorado ou acentuado,

constitúe esencia de liberdade,

enerxía de liberación,

e abrazado todo ás nubes brancas deste ceo azul

alumándonos a todas as horas a radiante estrela,





E nesa melodía…

a baile de tantos corazóns…

a toda a letra nosa,

que soar firme en lingua propia e nacional,

así…

así queremos ir de camiño …


Así queremos ir…

a toda máxica sinfonía



Amigas e amigos…

no abrazo comunal que compartir deste día nacente,

albado de gloria,

así falan de certo os nosos corazóns para dicirvos:

benvidas e benvidos.


Buxo,beleza e liberdade…


Terra…a nosa…!


David otero


a XXIII da Patria do MMXI

ao pé do PICO SACRO.

e no acoller da bandeira nosa que proclama:


“ Denantes mortos que escravos”.

ASÍ... Á NOSA LINGUA GALEGA

Publicado a 05/12/2010, 06:25 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes   [ atualizado a 05/12/2010, 07:48 ]

( para antes e logo do tres de decembro deste segundo ano de loita...)

 
... e ti lingua nosa
el como vas ter lugar
para o perfume...
se non tes aínda o teito branco
que preserve
o noso azul...
de tantos ventos,
nin tes tampouco
o lume posto...
pola aflorecida alborada
en radiante plenitude
da vermella estrela.
 
...
 
e ti lingua nosa
el como vas ter lugar
para o perfume...

DE CAMIÑO COA NOSA LINGUA

Publicado a 01/11/2010, 02:03 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes   [ atualizado a 01/11/2010, 02:05 ]

Velaí que a chamo dos de QUEREMOS GALEGO iremos de camiño, a paso de alegría e de esperanza, apadriñando de paso o anaco que nos toca desde A Laxe de Bendoiro á Ponte Ulla. E faremolo facendo andar as nosas arelas compartidas pois estas serán a solidez necesaria do máis que nos une nos afectos e vivencias neste noso pobo do galego: A NOSA LINGUA. A necesidade de así nos manifestar, indo a peregrinaxe, non se pode discutir pois a nosa máis alta expresión de identidade feita palabra e pensamento, razón e sentemento, está e vive en risco e perigo de minguar ata desaparecer e destas non queda máis que defendela desde a natureza sinxela do que somos, galegas e galegos. Non tratamos de anular nada e si de poñer na nosa casa, Galicia, as cousas do idioma no seu lugar, pois estamos tocante á Lingua Galega en peor situación non hai que demostralo, iso ten evidencia clara e polo mesmo cae de caixón que son necesarias medidas compensatorias para a igualdade, nin máis nin menos, xa que estamos no referido á Lingua Galega, en inferioridade ( de actuacións, propostas e trato). As medidas que se toman non son as oportunas. No canto de intervir como for preciso o que se fai e interferir, poñer forras e acoutar usos e progresos. No canto de botar axudas xenerosas, réstase, cando o que se pide é sumar a favor para chegar ao equilibrio. Velaí pois que se fai obrigado manifestar o desagrado, o mal que nos vai o trato, a pouca atención e sensibilidade que tanta dela fai falla para emendar e correxir esta situación xa de por vez e para sempre ( amén?). Sobran os argumetos de chamos á liberdade, pois esta sempre estará coa xustiza, pois do contrario non é e a xustiza está en equiparar , igualar, restituír, con medidas de axuste e promoción neste caso da nosa Lingua Galega para situarse á par en tratamento e uso da outra Lingua na que nos relacionamos. Por iso ben sabe que nós, a ir de andar e ilusións, non por menos, desexamos que nos escoiten claramente dicir que :QUEREMOS GALEGO. Un séntense ben apadriñando este anaco de facer camiño por terras de Deza e Tabeirós e dando pasos e sumando as voces dos nosos desexos en comuñón de proxectos de dignidade como este que nos chama na defensa da nosa Lingua Galega. Imos ben. 

1-10 of 15