Memoria

‎‏‎‎‎‎‎‎‏‏‏‏‏‎‎‎‎‎‏‎‎‏‎‎‎‏‏‏‏‏‏‎‏‎‏‎‏‎‎‏‎‎‏‏‎‏‎‎‎‎‎‏‏‏‏‎‏‎‎‏‏‎‏‏‎‎‎‏‏‎‏‏‏‏‎‎‏‎‏‎‏‏‏‎‏‏‎‏‎‏‎‎‏‎‎Disque

Faite seareiro

Somos parte de



Dionisio Pereira


Dionisio Pereira González, é historiador, especialista no movemento obreiro en Galicia, ao que ten adicado numerosos artigos e libros. Entre eles, destacamos a obra colectiva da que é coordenador, Os Conquistadores modernos : movemento obreiro na Galicia de anteguerra, Vigo, 1992, A CNT na Galicia : 1922-1936, Santiago, 1994, Sindicalistas e rebeldes : anacos da historia do movemento obreiro na Galiza, Vigo, 1998 ou, xunto con Eliseo Fernández, a recente O Anarquismo na Galiza (1870-1970) : apuntes para unha enciclopedia, Santiago, 2004. Tamén ten abordada a cuestión da represión, en "Os Mortos esquecidos, radiografía da represión franquista nun pequeno concello rural, o caso de Cerdedo (Pontevedra)", en A represión franquista en Galicia : actas dos traballos presentados ao Congreso da Memoria, Narón, 4 a 7 de decembro de 2003, Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, 2005, p. 501-515, "O Alzamento fascista na bisbarra das Frieiras : só viñeron a matar e roubar", Asociación Amigos da República (eds.), O Cambedo da Raia, 1946 : solidaridade galego-portuguesa silenciada, Ourense, 2004, entre outras moitas obras. Actualmente é o responsable da provincia de Pontevedra no proxecto de investigación.

Nubens no ceo do Seixo

Publicado a 12/10/2009 05:40 por A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes

Por riba dos penedos da Porta do Alén, as nubens empedran o ceo coas historias do Seixo.

O can de Cernadelo
Cinco casas abertas tiña, daquela, Cernadelo, terra de patacas e augas abondosas, tanto como as visitas do xabarín e, ás veces, as do lobo. Un mal día, morreu xa maior un dos veciños, deixando sen sustento e sen amo un can impoñente, protexido por un colar de coiro e pugas.
Día tras día, o can tornaba daquela casa valeira. Unhas veciñas que ían e viñan a Pontevedra, deixábanlle un saco de pienso para que non morrera de fame e, compadecidas do seu abandono, dábanlle agarimos. Contaban que, cada vez que retornaban a Cernadelo e o can ía ao seu encontro, aquel animal choraba de certo.
Aos poucos, as mulleres foron espaciando as visitas á casa matriz por causa dos achaques ate que, un día, non voltaron máis.
Casas pechadas en Cernadelo; noites desoladas nas que oubea un can.

En salvaxe compaña
Disque o amor move montañas, malia que no Seixo mellor sería dicir que as traspasa. De Cernadelo a Chamadoira, noite si e outra tamén, un mozo alumea o camiño das bestas co fachuco, pensando na rapaza que agarda na palleira. 
De súpeto, decátase de que non anda só: por acá e por acolá sínte folguexar e, mesmo, pode imaxinar os ollos acesos da manada.
Mentres avanza acompañado entre uces e penedos estremecidos, desconfía de como saír desta mala partida.
Non houbo tal: os lobos tan só déronlle escolta ao seu devezo e chegou sen mal a Chamadoira.
Anos andados, baixo o trebón da guerra, aquel mozo socialista de Cernadelo aprendeu que, nesas mesmas paraxes do Seixo, o home resultou ser máis fero que o lobo.

Furados
Tal que os montes veciños de Beariz ou Cachafeiro, pola banda de Presqueiras as abas do Seixo están inzadas de pequenas minas de estaño e de wolfram.
Velaí os vellos galpóns da “Estañífera Gallega” e a canle feita por uns ingleses, seica para conducir a auga precisa para os lavadoiros. Tamén, a lembranza das xentes adicadas á roubacha nas escombreiras naqueles anos famentos da posguerra; a presenza dos traficantes de mineral na vila de Cerdedo....
Sen que ninguén a recolla e acariñe, a memoria esvaece.

Patrimonio estragado
Camiños do Seixo rebentados polos artiluxios “todo terreo”.
Muíños da Cavadosa, socavados hai un lustro por unha chea do río do Seixo, hoxendía esnaquizados sen remedio. 
Ao seu carón, a serra hidráulica, noutrora intacta, en perigo de desfeita.
Río abaixo, a ponte “romana” deturpada polo formigón e o desleixo de uns e outros.
Vanas promesas do alcalde “vello” e menosprezo mercantilista do alcalde “novo”: ¿na mesta “noche ibicenca” do 4X4  e dos noxentos xogos de guerra, qué futuro para o que foi fermoso e útil noutrora?.

Rebeldes e perseguidos
Disque o mítico canteiro socialista de Presqueiras, Alfredo Iglesias, adoitaba facer xuntanzas clandestinas na campa de Santa Mariña alá polos tempos da Ditadura de Primo de Rivera.
Cando a guerra, outro socialista cerdedense, José Torres, andivo días fuxido polo Seixo; cando baixou á vila para facerlle unha visita á muller, alguén avisou aos falanxistas que o cazaron metido na cambota da cheminé. 
Naquel verán do inferno, un republicano perseguido chamado Severino Bugallo, liscou de Cerdedo e deambulou pola Chamadoira, por Limeres e polo monte arriba; alí, entre unhas rochas, deixou agachado o “ferro” antes de marchar para América. 
Tempos andados, no devalo dos anos 40, o Seixo debeu ser transitado polas partidas guerrilleiras de “Foucellas” e do “Xanote”, como rota de paso entre as terras de Rivela, na Estrada, os outeiros de Casetas e Cachafeiro no concello de Forcarei, e o concorrido agocho de “Covaladróns”, encanfurnado entre os montes de Pedre e Limeres. 

No Seixo, veñen a rebolo as nubens e as historias......

* Publicado en Solla, C. “Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica”, Ed. Cardeñoso, Vigo, 2007.

1-1 of 1